A CIG convoca novas mobilizacións para demandar un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas
A crise sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 evidenciou a necesidade de poñer os coidados no centro das políticas públicas e a urxencia de incrementar os investimentos públicos en servizos de atención ás persoas. Por iso a CIG está a desenvolver unha campaña en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas na que se insiren as concentracións que se desenvolverán este xoves 14 de xaneiro nas sete cidades galegas.
Lugares e horarios das mobilizacións
- Compostela: Praza do Toural, 11h.
- Ourense: diante do INSS, Rúa Concello, 11:30h.
- Vigo: Farola de Urzaiz, 11h.
- Ferrol: diante do INSS, Rúa Catalunya, 11h.
- Pontevedra: Praza da Peregrina, 11h.
- Lugo: Edificio Xunta, Ronda da Muralla, 11h.
- A Coruña: diante da Subdelegación do Goberno, 11h.
Con estas protestas organizadas polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG quérese reclamar tamén unhas pensións públicas dignas e garantidas, xa que á vista das recomendacións do Pacto de Toledo todo indica que a reforma das pensións que se está a tramitar consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.
Recomendacións entre as que non se contemplan mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a CIG tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1142 euros/mes e, polo tanto, equiparar as pensións máis baixas a esa contía.
No que ten que ver coa atención ás persoas, a CIG demanda que se incrementen os orzamentos destinados á atención á dependencia e se aumenten as prazas públicas de centros de día e residencias, ao tempo que denuncia que miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida.
Ademais, lembra que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade municipal), algo que para a central é inadmisíbel nun país como Galiza, cada día máis envellecido e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade.
Tres prazas por cada 100 maiores
Ao que hai que engadir que só un 25% das residencias de maiores ou dependentes son de titularidade pública e que “sumando públicas e privadas, só hai tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos”.
Por iso aposta por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todos/as os galegos/as vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente, máis nun país como o noso, coas pensións das máis baixas do Estado.