A CIG convoca novas mobilizacións contra a estafa da luz e por unha Tarifa Eléctrica Galega

A central sindical denuncia os beneficios multimillonarios das eléctricas mentres a clase traballadora sofre pobreza enerxética
Nacional - 24 Set 2021

A CIG anuncia a convocatoria de novas mobilizacións, o vindeiro domingo, día 3 de outubro, en cidades e vilas galegas, contra a estafa da luz e por unha Tarifa Eléctrica Galega. A central sindical chama a levar as facturas da electricidade para facer unha queima colectiva, simbolizando o queime das eléctricas que, mentres acumulan beneficios multimillonarios, abocan á clase traballadora á pobreza enerxética.

O sindicato nacionalista fai un chamamento a participar nestas mobilizacións diante do imparable medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo, diante do nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para  garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións asequibles.

MOBILIZACIÓNS

A Coruña, 11:30h, Obelisco

 

Lugo, 12h, Subdelegación do Goberno

 

Cee, 11:30h diante do Concello

 

Monforte, 12h, diante do Concello

 

Carballo, 11:30h diante do Concello

 

Foz, 12h, diante da Delegación de Facenda

 

Betanzos, 11:30h, Praza García Irmáns

 

Sarria, 12h, Praza da Vila

 

Santiago, 11:30h, Praza Roxa

 

Vilalba, 12h, Praza da Constitución

 

Ribeira, 11:30h, Praza do Concello

 

Ourense, 12h Praza do Ferro

 

Pontevedra, 12h, Praza da Peregrina

 

Verín, 12h, Praza do Concello

 

Vilagarcía, 12h, Praza de Galiza

 

O Barco, 12h, Praza do Concello

 

A Estrada, 12h, Praza do Mercado

 

Vigo, 12h, Farola de Urzaiz

 

Lalín, 12h, Praza da Igrexa

 

O Porriño, 12h, Praza do Concello

 

Ferrol, 12h, Cantón

 

A Guarda, 12h, Praza de Avelino Vicente (As de Copas)

 

As Pontes, 12h, Praza do Hospital

 

Cangas, 12h Praza do Concello

 

 

Fronte a isto, a CIG demanda o recoñecemento da enerxía como dereito fundamental e exixe políticas públicas de intervención no sector eléctrico para garantir o acceso á electricidade ao conxunto do pobo en condicións asumíbeis.

Para a central sindical teñen que se reverter ao público as centrais hidroeléctricas que rematen a concesión e cómpre crear unha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas e a participación noutras empresas eléctricas.

Demanda, canda isto, a fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor, para garantir que a enerxía reservada ás administracións se destina a baixar o prezo da luz, ademais da modificación do sistema tarifario, limpando a factura de peaxes que non teñan relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, que serán asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado en lugar de polas consumidoras.

Considera imprescindíbel tamén que se retiren as centrais hidráulicas e nucleares do pool do mercado maiorista para fixar o prezo da electricidade e a modificación transitoria dos impostos que están presentes na tarifa eléctrica, aplicando o tipo mínimo do IVE (4%), e eliminando do imposto á xeración (7%) que as empresas repercuten nas persoas consumidoras.

Isto xunto a implantación da Tarifa Eléctrica Galega, unha tarifa máis baixa na Galiza, empezando por unha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico, por ser Galiza produtora excedentaria de enerxía.