A CIG mobilizarase contra a modificación das condicións de traballo do persoal do Centro Deportivo Moaña
A CIG-Servizos de Vigo anunciou a convocatoria de mobilizacións diante do Centro Deportivo Moaña e do Concello para rexeitar a modificación substancial das condicións de traballo á metade do persoal desta instalación municipal por parte da empresa concesionaria da xestión, FCC-Aqualia. Dende a central sindical denuncian que a compañía pretende a rebaixar un 20% os custes salariais procedendo á redución de xornadas, o que limitará o horario de apertura do Centro Deportivo.
A medida vai afectar tanto a 8 dos 16 empregados/as, que verán mermados os seus ingresos, como ao propio servizo que se presta, xa que as instalacións permanecerán pechadas de 14:00 a 16:00 horas de luns a venres e os sábados pola tarde. “Todo isto coa complicidade e a conivencia do Goberno local, favorecendo así os interesas empresariais en detrimento das persoas traballadoras”, segundo denuncia Pedro Pérez, da CIG-Servizos.
En consecuencia, o delegado de persoal do Centro que xestiona FCC-Aqualia, pertencente á CIG, comunicou a convocatoria de mobilizacións do 21 ao 25 e do 28 ao 30 de novembro, que consistirán en concentracións diante da instalación, na rúa Vila de Pedroso, de 11:00 a 12:00 horas, con posterior manifestación até o Concello, onde haberá unha nova concentración de 12:15 a 13:00 horas.
Conflito colectivo
Dende a central sindical explican que esta problemática laboral vén derivada da presentación por parte da CIG dun conflito colectivo ao non existir acordo coa patronal do sector de instalacións deportivas sobre a cláusula de actualización salarial en base ao IPC, tal e como recolle o convenio colectivo. En consecuencia, e como medida de presión, as empresas presentaron descolgues de convenio con respecto ao salario.
Unha delas foi FCC-Agualia en Moaña, iniciándose un período de consultas en xullo que rematou sen avinza porque non existía xustificación para a medida, tendo en conta os beneficios millonarios do grupo.
“Entre medias chegouse a un acordo en arbitraxe para actualizar os soldos; pero FCC-Aqualia, unha das compañías asinantes, substituíu a pretensión de descolgue de convenio pola modificación substancial das condicións de traballo, que lle suporía reducir os custes salariais nun 20%, a mesma cantidade que pretendía aforrar co descolgue”, censura Pérez.