A CIG convoca mobilizacións para esixir unha transición xusta no sector dos carburantes e biocarburantes
A CIG vai desenvolver un calendario de mobilizacións para esixir unha transición enerxética galega xusta no sector dos carburantes e biocarburantes e que garanta, no marco do proceso de descarbonización da economía, a posta en marcha de alternativas de reindustrialización e creación de postos de traballo nos territorios afectados.
Horas e lugares das concentracións
- Venres 26 de novembro, ás 14:45h, diante da refinería de Repsol na Coruña.
- Xoves, 2 de decembro, ás 14:45h, diante da planta de Vertex Bioenergy de Curtis.
- Xoves, 9 de decembro, ás 10:00h, na planta de Masol Iberia Biodiésel de Ferrol.
A central nacionalista dá continuidade así a mobilización realizada o pasado 2 de xullo diante da Delegación do Goberno na Coruña, durante a que se rexistrou un escrito dirixido á ministra Teresa Ribera solicitando do MITECO que elabore un plan de actuación encamiñado a fixar as bases dunha transición xusta no sector, sempre respectando as competencias autonómicas. Solicitude da que até agora non houbo resposta.
A CIG entende que ese plan de actuación -que debe contar coa participación das centrais sindicais máis representativas e doutros axentes implicados- ten que contemplar medidas para a transformación das refinerías en biorefinerías; a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos; e unha aposta polos biocombustíbeis como combustíbeis de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.
Xunto a isto, a CIG defende que non se conceda ningún tipo de fondos públicos, nin se outorgue autorización, concesión e adxudicación de MW a aquelas empresas do sector afectado, que non garantan a continuidade do emprego.
Un plan con prazos e unha mesa de traballo
Para dotalo de eficacia, este plan de transición ten que ser aprobado no prazo máximo de tres meses desde a aprobación da Lei de Cambio Climático; e de xeito paralelo ten que constituírse unha mesa de traballo na que abordar os cambios a acometer no sector de maneira que a reconversión non sexa unha demolición e evitar repetir o que está acontecendo nas Pontes ou Meirama ou noutros sectores industrias do noso país, onde se impulsan cambios de modelo enerxético sen formular alternativas.
Hai que subliñar que o sector de carburantes e biocarburantes ten un importante peso en Galiza pero pode quedar fóra do cambio enerxético verde, pola inexistencia de políticas, tanto por parte do goberno español como da Xunta de Galiza. A CIG considera que a fabricación de combustíbeis ten que ser superada pero non a costa de cadrarlle ás contas ás empresas mentres se destrúen miles de empregos e se deixan comarcas enteiras na desertización industrial.