A CIG convoca mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía este xoves 20 de maio para exixir a derrogación das reformas laborais

Advirte dun empeoramento da crise con novos despidos, caída de salarios, rendas e prestacións
Nacional - 19 Mai 2021

A CIG vai intensificar a campaña iniciada meses atrás para esixir a derrogación das reformas laborais e forzar unha saída galega xusta da crise. Con ese motivo ten convocadas mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía para este xoves, día 20 de maio. O secretario xeral, Paulo Carril, estará na concentración convocada diante da delegación do Goberno, na Coruña.

MOBILIZACIÓNS

Vigo: 11h, Dirección Provincial do SEPE

Pontevedra:  11h, Subdelegación do Goberno

Vilagarcía: 11h, Oficina do INSS

Santiago: 12h, Oficina do SEPE (Parlamento)

A Coruña:  11h, Delegación do Goberno

Ferrol:  11h, Edifico de Facenda

Lugo: 11:30h, Subdelegación do Goberno

Ourense: 11:30h Subdelegación do Goberno

 

A central sindical denuncia que as normativas laborais aprobadas polos Gobernos do PP e do PSOE están a ser utilizadas pola patronal para impoñer ERE e ERTE de xeito indiscriminado, coa  agravante de que os ERTE que facilita a última reforma laboral, e que están a impoñerse coa aplicación dos acordos do diálogo social nos chamados Acordos dos ERTE, non protexen a clase traballadora, tal e como a central leva denunciando desde hai un ano.

A isto hai que sumar que a reforma fiscal do Goberno Aznar, que hoxe segue en vigor, está a provocar que moitos sectores da clase traballadora sexan os que máis impostos pagan ao ter dous pagadores. A central sindical critica por iso o Goberno de PSOE-Unidas Podemos, ao que acusa de actuar ao ditado do neoliberalismo e das directrices da UE. Denuncia ademais que a “permanente propaganda” sobre a derrogación das reformas contrasta cunha vixencia que cada día “tortura a máis traballadores/as e permite que sigan as facilidades á patronal para ERE ou ERTE á carta”.

A CIG advirte de que imos camiño dun empeoramento da crise derivada da pandemia con novos despedimentos e cunha maior caída dos salarios, rendas e prestacións. Considera imperdoábel que non haxa iniciativas políticas máis atrevidas no Congreso dos Deputados/as para derrogalas, cando se anuncian novas reformas, duras e severas medidas que exixe a UE para acceder aos fondos europeos: recortes nas pensións públicas, privatizacións de servizos públicos, reforma fiscal para máis impostos aos pobres e menos aos ricos”.

Todo o poder para a patronal

En consecuencia, a credibilidade do Goberno pasa por derrogar as reformas antes de que a crise siga avanzando, “porque o paso do tempo fai que aumente a ameaza dos despedimentos, xa que lle dan poder total á patronal para que de maneira unilateral decida o futuro de milleiros de traballadores/as”.

A CIG leva meses mobilizándose e seguirá a facelo para evitar que a clase traballadora pague unha vez máis a crise, e achegou unha serie de propostas para unha saída galega xusta, con medidas como un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, Creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos. Propostas que urxen a unha intervención pública na economía, no sistema financeiro, na industria e na protección social, concentrando todos os recursos públicos nun desenvolvemento económico e social xusto que garanta o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa terra.