A CIG convoca mobilizacións en todas as comarcas este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

Nacional - 11 Feb 2025

O 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, é unha data de especial significado na que o sindicalismo nacionalista conmemora as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972, durante as que foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán Amador e Daniel.

Unha loita pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade laboral, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza que, 53 anos despois, continuamos. Neste 2025, a CIG chama a facer deste 10 de Marzo unha xornada de mobilización en todas as comarcas en demanda de “traballo, igualdade e salarios dignos, nunha Galiza con dereitos”. 

A central chama a facer deste 10 de Marzo unha xornada de mobilización en todas as comarcas en demanda de “traballo, igualdade e salarios dignos, nunha Galiza con dereitos”

Nun contexto de medre da precariedade e da pobreza urxe derrogar a reforma laboral de 2012 e un cambio radical na de 2021 (recoñecendo condicións dignas para as persoas traballadoras a tempo parcial, fixas descontinuas, dos centros especiais de emprego e nas subcontratas); estabelecer o SMI nos 1.320,04€ (acadando así o 60% do salario medio do Estado español que marca a Carta Social Europea); e a redución da xornada laboral ás 35 horas semanais (co obxectivo de acadar a xornada de catro días a 32 horas).

Fronte ás políticas da Goberno do PP na Xunta, destinadas a reforzar o papel colonial de Galiza, a CIG aposta por un Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos que garanta un desenvolvemento propio, abordando unha profunda reforma fiscal que grave oportunamente as grandes fortunas e grandes empresas.

Neste senso, avanzar na intervención pública de sectores estratéxicos da economía (como a banca e as enerxéticas) e garantías de que o aproveitamento dos recursos dispoñíbeis no noso país estean ao servizo de crear emprego digno, pechar ciclos produtivos, aumentar o valor engadido, diversificar as capacidades produtivas e industriais, garantindo unha rendibilidade social e non privada e o equilibrio territorial e ambiental.

O aproveitamento dos recursos enerxéticos, mineiros, forestais, agrogandeiros, do mar etc, debe contribuír a evitar destrución de emprego e dos sectores produtivos, consolidar o respecto polos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo.

Protección social

Entre as 12 medidas que a CIG recolle na súa campaña, atópase un Plan galego de protección social e vivenda digna, que contempla a creación dun Sistema público de servizos de atención ás persoas e o reforzo e fortalecemento da sanidade e o ensino público. Así mesmo, a prohibición dos desafiuzamentos e incrementar de forma significativa e cun calendario definido o parque público de vivendas sociais, facilitando as condicións de acceso.

Pero para termos unha Galiza con dereitos, cómpre que dispoñamos de plenas competencias estatutarias en todas as materias (laboral, seguridade social, servizos públicos, fiscal, financeira, industrial...) para poder decidir sobre o noso modelo económico e social, para que nos dea como pobo galego unha alternativa e viabilidade de futuro, e na que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa terra.

Ademais, aprobar unha renda de inserción laboral e social na contía do SMI, para as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningunha prestación; garantir o carácter non absorbíbel nin compensábel das subas do SMI; que as retribucións, nos contratos formativos, sexan o 100% das fixadas no convenio e recoñecer a relación laboral para evitar o uso abusivo e fraudulento deste figura; así como eliminar a taxa de reposición das administracións públicas.

Para reclamar que os Gobernos español e galego asuman e poñan en marcha estas medidas, este 10 de Marzo, mobilízate coa CIG. Son tempos de loita.

Actos conmemorativos do 10 de Marzo

-Ferrol: Ofrenda floral ás 12h no monumento e manifestación ás 20h dende o local sindical.

-A Coruña: 20h, Praza de Vigo.

-Compostela: 19:30h, Praza Roxa.

-Lugo: 20h, Edificio Sindical (Ronda da Muralla).

-Ourense: 20h, Edificio Sindical (Parque San Lázaro).

-Pontevedra: 20h, Praza da Peregrina.

-Vilagarcía: 20h, Casa do Mar.

-Vigo: 19h, A Dobrada.