A CIG convoca protestas para rexeitar os despedimentos inxustificados na empresa Atunlo O Grove
A FGMT-CIG anunciou a convocatoria de mobilizacións contra os 14 despedimentos “totalmente inxustificados” que vén de executar Atunlo O Grove, cunha primeira concentración este martes 12 de abril diante da empresa de 14.00 a 15.00 horas. Dende a central sindical lembran que a compañía se comprometera recentemente a manter todos os postos de traballo e que aínda que reduciu a súa facturación continúa a ter importantes beneficios.
A responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Mar Vila, denuncia que Atunlo O Grove comunicou as rescisións de contrato o pasado día 5 de abril sen previo aviso nin á representación sindical nin aos propios/as afectados/as, e sen cumprir a marxe legal de preavisar con 15 días de antelación. A empresa, que fixo os despidos no límite legal para que non se considere despido colectivo, esgrime causas obxectivas por necesidades organizativas e de produción. Ademais, aproveitou para modificarlles os horarios e as funcións a outros/as 12 traballadores/as.
Para a central sindical o acontecido é un “claro abuso” por parte da compañía, “que alega causas económicas pero con toda a prepotencia paga eses 15 días de falta de preaviso para evitar que os afectados/as se puidesen informar”. De feito, comunicou os despidos ao mediodía, no cambio de quenda, polo que os empregados/as non sabían se había máis persoas afectadas. “Uns minutos antes de que rematase a quenda de mañá a dirección chaman a presidenta do comité, que pensa que é para falar dalgunha cuestión de organización interna, pero comunícanlle que vai haber despidos”, detalla Vila.
Ao mesmo tempo, varios/as traballadores/as dos departamentos de almacén e frío tamén son convocados/as en grupo ás oficinas, menos o delegado sindical desa zona. “Fanos pasar un/ha a un/ha e dinlles que é o seu último día na empresa”. A responsábel sindical cualifica de “sorprendente” este xeito de actuar, “porque tras varias loitas nos últimos anos, como foi cando a empresa aplicara sancións e advertencias a varios/as empregados/as, logramos chegar a acordos”. Como aconteceu o pasado mes de novembro, cando o persoal de produción pasou de traballar en quendas rotatorias de mañá e tarde a facelo só na quenda de mañá; a empresa comprometérase entón a manter os demais postos e a non facer ningún despido”.
Despidos estando de baixa
Tamén fai fincapé en que a compañía está a traballar “ao 200%” da súa produción. “Podían ofrecerlles o traslado a Atunlo Cambados, empresa do mesmo grupo, como aconteceu en decembro; de feito, nese centro de traballo precisaban persoal hai pouco tempo”. Mais ao contrario, optou por rescindirlles os contratos, a algúns/has deles/as incluso estando de baixa.
Por todo isto, anuncia que ademais da campaña de mobilizacións os despidos terán unha resposta xurídica, e anima a todos/as os afectados/as que aínda non o fixeron a que se poñan en contacto coa central sindical. “Temos que dignificar o traballo dos representantes da nosa central sindical na empresa -5 da CIG fronte a 4 de CCOO- na defensa dos dereitos de todo o cadro de persoal, como veñen facendo especialmente nos dous últimos anos”.
Quere deixar moi claro que “mal vamos” se a empresa quere continuar nesta liña, porque o que fixo “é un desprezo” tanto para os traballadores/as como para a súa representación sindical. “Non é lóxico que despidan persoal con experiencia cando ao mesmo tempo están a buscar traballadores/as para outra empresa do mesmo grupo”. E advirte que vixiarán que a compañía non faga uso de contratación temporal para suplir os empregados/as que vén de despedir.