A CIG mobilizarase contra a perda de poder adquisitivo e polo mantemento do emprego en Iberdrola

Desenvolverá unha concentración este venres día 6 diante da sede da empresa na Rúa de Valdeorras ás 11:00 horas
Ourense - 03 Xun 2025

A CIG-Industria vén de anunciar a convocatoria dunha concentración diante da sede de Iberdrola na localidade ourensá da Rúa de Valdeorras para reclamar a recuperación do poder adquisitivo vinculando a revisión salarial ao IPC e polo mantemento do emprego, mobilización que coincidirá coa folga convocada na empresa por ELA, CCOO e UGT este venres día 6 para reclamar un convenio colectivo digno.

Dende a central sindical denuncian que o persoal de Iberdrola segue a perder poder adquisitivo (un 16% en catro anos) mentres os beneficios empresariais baten récords anuais (40% neste meso período) e os dirixentes, directivos e accionistas “continúan a enriquecerse a pasos axigantados”. 

O persoal perdeu un 16% de salario en catro anos, mentres os beneficios empresariais baten rércords

Mais a compañía négase a actualizar os salarios “como mínimo conforme ao IPC real” e a reducir a xornada laboral a 35 horas semanais, dúas das principais reivindicacións da parte social durante a actual negociación do convenio colectivo. Outras das demandas pasan por garantir o mantemento do emprego e ampliar o dereito de conciliación.

Ante a actitude inmobilista da dirección as centrais decidiron convocar unha primeira xornada de folga para este venres día 6, que a CIG apoia e fai un chamamento a secundar, e que aproveitará para mobilizarse diante a empresa na Rúa de Valdeorras de 11:00 a 12:00 horas.