A CIG convoca mobilizacións ante a falta de acordo no convenio estatal das conservas de peixe
A CIG anunciou hoxe a convocatoria de mobilizacións no sector das conservas de peixe ante a falta de acordo na negociación do convenio estatal. Nun primeiro momento desenvolverá concentracións este mércores 17 ás 12:00 horas diante de todas as empresas que participan na mesa de negociación, sen descartar unha posterior convocatoria de folga.
Empresas nas que terán lugar as mobilizacións:
-Cefrico (Vilagarcía).
-Bolton Food (O Grove).
-Albo (Vigo).
-Frinsa (Ribeira).
-Calvo (Carballo).
Responsábeis da FGAMT-CIG do Salnés compareceron este mediodía en rolda de prensa para explicar o contido das xuntanzas da mesa de negociación do convenio que tiveron lugar en Madrid os pasados días 10 e 11 de novembro. Segundo denunciaron, nestas reunións a patronal non deu pasos significativos que permitan sequera albiscar a posibilidade dun acordo, polo que a central sindical opta por convocar protestas.
En primeiro lugar, por que o empresariado teima nun convenio para cinco anos sobre a base de incrementar os salarios un 1,5% no 2021; un 1,75% en 2022; un 1,5% no 2023; un 1,25% en 2024; e un 1% no 2025, “coa gravidade engadida de que non inclúen cláusula de revisión anual de IPC real, polo que tendo en conta que o IPC do 2021 xa supera o 5,4% a proposta de incremento salarial é inasumíbel e intolerábel”.
A CIG reitera a súa postura firme de non asinar ningún acordo de incremento salarial inferior o IPC real de cada ano, “pois non pode ser que sexan as persoas traballadoras as que asuman perda de poder adquisitivo ao tempo que as empresas do sector aumenten beneficios polo incremento das ventas”.
O empresariado insiste tamén en distribuír a xornada de luns a domingo. “Esta proposta é unha barbaridade, un despropósito que supón recuar en dereitos consolidados”. Por iso dende a central sindical queren deixar moi claro que a ordenación da xornada laboral non estará en xogo mentres teñan representación na mesa de negociación, “pois afrontamos a negociación do convenio para acadarmos mellores condicións laborais e non para entregarlle dereitos á patronal”.
Outra proposta da patronal ten que ver coa creación dunha cuarta quenda para novas contratacións para as fins de semana e festivos. “Esta cuestión si que pode debaterse nas nosas asembleas para valorar algunha proposta neste sentido que repercuta na creación emprego.
Discriminación salarial por xénero
Ao mesmo tempo, na CIG lamentan que o empresariado non vexa discriminación salarial por razón de xénero entre as categorías do grupo 5 (fabricación) a as do grupo 6 (oficios varios). “Isto chámase cegueira interesada, pois a diferenza é clara”. Pese a isto propón un incremento salarial adicional para algunhas categorías do grupo 5: para oficial de 2ª un 0,4%, para oficial de 1ª un 0,6% é para a categoría de mestra propoñen un incremento adicional do 0,8%.
“Pero sorprendentemente non propoñen ningún incremento salarial adicional para a categoría de auxiliar, que é a que agrupa a maior parte de mulleres traballadoras cun salario inferior”, censuran.
A mesa de negociación volverá a reunirse en Madrid os vindeiros días 30 de novembro e 1 de decembro. Por iso a CIG aposta por levar a cabo as mobilizacións acordadas na asemblea de delegadas/os sindicais do sector “co obxectivo de deixarlle claro ao resto da mesa que a loita é o único camiño para conseguir un convenio xusto para o sector das conservas de peixe”.
Finalmente, adiantan que despois desta protesta elaborarán un calendario con novas mobilizacións, sen descartar unha convocatoria de folga.