A CIG convoca folga o 5 de novembro na construción por un convenio galego no sector

A patronal négase a abordar esta posibilidade, malia que avanzar nun marco propio blindaría os convenios provinciais e permitiría mellorar as condicións de traballo
Nacional - 02 Out 2025

A federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) anunciou este xoves en rolda de prensa a convocatoria dunha xornada de folga no sector da construción para reivindicar un marco galego que blinde os convenios provinciais e permita avanzar naquelas condicións e materias que a día de hoxe están reservadas ao convenio estatal.  A folga terá lugar o 5 de novembro e que afectará a todas as persoas traballadoras, tanto na obra pública como privada, reguladas polos convenios provinciais da Construción.

O secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia, explicou que a central sindical leva máis dun ano tentando reunirse coa patronal galega do sector e as respectivas asociacións provinciais para abordar a posibilidade de avanzar nun marco regulador galego, logo da modificación lexislativa que prioriza os convenios e acordos interprofesionais autonómicos sobre os estatais. “Ir a un marco galego permitiríanos blindar os convenios provinciais fronte aos ataques da patronal estatal e deixar de estar baixo o xugo da negociación en Madrid, que ten reservadas a maioría das materias de negociación e que topa calquera mellora que se pacte a nivel provincial”, reitera Valencia.

Con este obxectivo, a CIG -como sindicato maioritario no sector en Galiza- dirixiuse por escrito ás catro patronais provinciais e á federación galega, FEGACONS, “pero só obtivemos a calada por resposta”. Esta actitude obstrucionista levou a FCM-CIG a iniciar un calendario de mobilizacións e a tentar buscar un achegamento a través do Consello Galego de Relacións Laborais. “Para a nosa sorpresa, a postura da patronal galega foi vetar a presenza da CIG-Construción e do seu secretario nacional en calquera reunión para falar desta cuestión”, critica Valencia.

Considera esta actitude, que atribúe a unha postura persoal do presidente de FEGACONS, unha mostra de desprezo cara os milleiros de traballadores e traballadoras da construción representados pola CIG que, “por unha negativa irracional da patronal, se ven abocados a ir á folga para que as súas demandas sexan escoitadas e para defender o dereito a negociar aquí as súas condicións laborais”.

Superar as limitacións na negociación e blindar os convenios

O responsábel da FCM-CIG valora que avanzar nun acordo galego permitiría mellorar as condicións de traballo, superar as limitacións que impón a negociación do convenio estatal en Madrid e facer máis atractivo un sector “no que día si e día tamén, o empresariado se queixa da falta de man de obra”.  Mais, apunta, tamén sería positivo para a propia patronal, xa que a negociación das condicións laborais “non virían impostas dende Madrid e poderían ser as máis adecuadas ao marco territorial de aplicación”.

Neste senso, subliña que nas comisións de negociación provinciais, a propia patronal se queixa das imposición pactadas en Madrid que son de obrigatoria aplicación, como os plans privados de pensións na construción, ou a existencia mesma da Fundación Laboral da Construción.

Aínda máis, incide, avanzar nun marco galego reforzaría a seguridade xurídica da negociación provincial, ao evitar o que aconteceu co convenio da construción de Pontevedra ou co de pintura da Coruña, que unha vez publicados foron impugnados pola patronal estatal por recoller melloras por enriba do marco estatal.