A CIG convoca folga no BBVA o 26 de maio polos despidos e o peche de oficinas
A CIG, xunto coas organizacións ELA, LAB, SCAT, SEC e CGT, teñen convocada folga no BBVA para o mércores 26 de maio, en rexeitamento ao ERE e ao peche de oficinas que pretende aplicar a entidade e que en Galiza suporá cerrar 26 sucursais e extinguir 122 empregos, entre despedimentos e baixas incentivadas.
A CIG fai un chamamento ao conxunto do persoal a secundar esta xornada de paro para impedir que o BBVA leve adiante o seu plan de despedimentos e precarización das condicións laborais e insta ao resto de organizacións sindicais a sumarse á convocatoria. "Temos que plantarlle cara ao banco e responder con contundencia, porque non podemos correo o risco de que se chegue a algún acordo no que se acepte, como mal menor, boa parte dos despedimentos e/ou unha modificación substancial das condicións de traballo do persoal, como xa ten ocorrido noutras entidades financeiras", advirte o secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández.
Neste senso, tamén anima a participar na xornada de mobilizacións que se realizarán en numerosas cidades o próximo mércores día 19, neste caso convocadas por todas as centrais con representación no banco. En Galiza, estas concentracións realizaranse ás 18:00 horas, diante das seguintes oficinas do BBVA:
- A Coruña: Cantón Pequeno, 18
- Compostela: Rúa da Senra, 3-5
- Vigo: Rúa de García Barbón, 2
- Ourense: Rúa do Paseo, 18
- Lugo: Rúa da Raíña, 1
Miles de despedimentos nunha entidade con beneficios millonarios
Fernández cualifica de "escandaloso" que unha entidade que no primeiro trimestre do ano tivo uns beneficios de 1.210 millóns de euros, que aumentou ademais as retribucións da alta dirección e que se gaba de estar á cabeza en rendibilidade e incremento de clientela, "se poida aproveitar das facilidades introducidas pola reforma laboral do PP - que o actual goberno segue sen derrogar- para despedir a miles de traballadores/as, recortar os servizos á clientela e afondar na exclusión financeira".
Alerta que o BBVA está seguindo o modelo de "ERE á carta" que aplicado polo Banco Santander, pois aínda que quere vender que se trata dun proceso voluntario, é a empresa quen se reserva o dereito a aceptar ou non as solicitudes de maneira que se non hai adscricións suficientes, as saídas serán forzosas en base a valoracións non obxectivas. "É dicir, é a empresa quen decide quen queda e quen marcha e para iso non dubidará en acosar o persoal previamente seleccionado, tal e como está acontecendo no Santander", apunta.
Diante disto, o secretario da sección sindical da CIG asevera que "o banco debe retirar o ERE, poñer en marcha un plan de prexubilacións e buscar vías alternativas de redución de custes, que non poden pasar en ningún caso pola redución dos postos de traballo e a prestación dos servizos".
O banco aprovéitase das facilidades da reforma laboral
Fernández lembra que o BBVA ameaza a continuidade de 3.798 empregos en todo o Estado alegando unha baixada dos beneficios no último ano (que non perdas) e un suposto cambio de hábitos da clientela, cando na realidade "o que hai é unha dixitalización forzada e unha redución dos servizos e horarios das caixas para expulsar a xente das oficinas e dirixila á banca online, ao caixeiro ou ás sucursais que decide o BBVA, normalmente xa sobrecargadas e con restricións o que provoca longas colas".
Ante a reconversión salvaxe que está a sufrir o sector financeiro, a CIG aposta pola acción de todos os traballadores e traballadoras do sector para frear os despedimentos e a precarización laboral; así como para reclamar do goberno español que actúe dunha vez, "empezando pola derrogación das reformas laborais que permiten ERE en empresas con beneficios multimillonarios, investigando a existencia dun posíbel cartel e para que se garantan os dereitos da poboación aos servizos financeiros".