A CIG convoca folga indefinida en Massimo Dutti do Centro Comercial As Cancelas tras o anuncio de peche
A CIG-Servizos de Compostela vén de convocar folga indefinida, a partir do luns día 23 de xaneiro, na tenda de Massimo Dutti que Inditex ten no Centro Comercial das Cancelas. A convocatoria prodúcese logo de que este luns a multinacional comunicara a súa decisión de pechar este centro de traballo.
Segundo explica a representante da CIG-Servizos, Carmiña Naveiro, esta non é a única tenda que a empresa ten decidido pechar xa que “entre o martes, 17 e o mércores 18 de xaneiro, tamén anunciou a súa intención de pechar os Bershka de Vilagarcía e Pontevedra e Kiddy’s Class de Vigo, o que vai afectar a un total de 45 traballadoras”.
A empresa, para xustificar esta medida, ampárase unha vez máis, no acordo acadado con CCOO e UGT sobre o proceso de dixitalización das vendas. Un acordo que “lle permite pechar tendas, non porque dean perdas senón para obter máis beneficios a custo das traballadoras”, denuncia Naveiro.
Este conflito enmárcase no proceso iniciado pola multinacional a principios de 2021 que, en Galiza, xa supuxo peches doutras cadeas nas cidades da provincia da Coruña. Peches que, segundo denuncia a CIG-Servizos, non van acompañados dun proceso de recolocación para as traballadoras e traballadores afectados con garantía de mantemento do emprego e de condicións laborais e salariais.
Recolocación en condicións “ridículas”
De feito as vacantes que ofrece a empresa non teñen un mínimo de calidade e a alternativa que lle queda ás traballadoras e traballadores é a de acollerse a unha praza en peores condicións, algunhas con xornadas semanais ridículas ou con horarios que lles impiden conciliar. Unha situación que, segundo Naveiro, vai acabar por obrigar a algunhas traballadoras a marchar cunha indemnización mínima.
A CIG-Servizos critica que Inditex estea a destruír emprego nas tendas precarizando as condicións deste persoal escudándose no cambio de modelo de negocio pactado con CCOO e UGT, cando “o pasado ano foi cando máis millóns de beneficios obtivo”, apunta a representante da CIG, para a que isto “evidencia que podería recolocar a todo o persoal afectado, garantindo as súas condicións tanto laborais como salariais.”
Por iso se convoca a folga indefinida a partir do día 23 no Massimo Dutti das Cancelas. Unha convocatoria á que poderían sumarse máis tendas do resto das cadeas afectadas polos peches. A CIG-Servizos ten previsto ademais convocar concentracións que están pendentes de se acordar co persoal atinxido pola folga.