A CIG convoca folga en Veolia (auxiliar de Inditex) para esixir a readmisión dun traballador despedido
A CIG ten convocada folga en Veolia (auxiliar que se encarga do mantemento de Inditex) para reclamar a readmisión dun traballador despedido de maneira fulminante despois de pasar 12 anos prestando o mesmo servizo. O paro de 24 horas desenvolverase o próximo luns, 3 de maio, e para dar visibilidade ás súas reivindicacións, os traballadores e traballadoras farán unha concentración ás 14 horas diante da sede do Grupo Inditex no Polígono de Sabón (Avda da Deputación).
Para xustificar o despedimento, Veolia alega que o posto que ocupaba o traballador (mantemento de grupos electróxenos de emerxencia) queda baleiro xa que o servizo vai ser subcontratado a outra empresa. Dende CIG-Industria subliñan que o traballador podería ser recolocado noutros servizos de mantemento que leva Veolia para o que está formado, ou incluso subrogado pola nova empresa, tal e como acontece noutros traballos que Inditex ten subcontratados.
A este respecto, hai que sinalar que días antes de comunicar o despedimento, Veolia procedeu á contratación de dous novos operarios "polo que non estamos ante unha situación de falta de carga de traballo ou recorte de tarefas por parte de Inditex". De feito, a comunicación do despedimento produciuse de maneira fulminante, sen os 15 días de preaviso pertinentes, e mesmo se lle impediu ao traballador acceder ás instalacións para poder recoller as súas pertenzas.
Máis aínda, Veolia argumentou que esta externalización se facía para mellorar o servizo, pero a día de hoxe a nova empresa non se fixo cargo do traballo e son os traballadores de Veolia doutros departamentos quen se están ocupando de manter operativos os grupos electróxenos.
Ofensiva contra os dereitos do persoal das contratas
Para a CIG-Industria esta decisión haina que enmarcar na ofensiva contra os dereitos laborais que Inditex está levando adiante para evitar que os traballadores e as traballadoras das súas contratas consoliden dereitos, se organicen e melloren as súas condicións de traballo e salariais. Neste senso, cómpre apuntar que ao pasar de 30 traballadores/as, nas próximas eleccións sindicais en Veolia o persoal podería elixir tres delegados en vez de só un, e entre os compañeiros corría o rumor de que o traballador agora despedido podería ir para representante do persoal.
"Entendemos que o rumor chegou a Inditex, que foi quen ordenou o despedimento", apuntan dende CIG-Industria. Nesta liña, lembran que está aberta dende hai dous anos unha mesa de negociación para mellora as condicións do persoal de Veolia, que tamén está pelexando para que se lle recoñeza o dereito á subrogación como xa existe noutras contratas do grupo téxtil.
Por iso, para CIG-Industria con este tipo de actuacións, a empresa busca dunha banda desfacerse do persoal con máis antigüidade para evitar que consolide dereitos, e doutra crear un clima de medo para que os traballadores non se atrevan a reclamar melloras nas súa condicións laborais e salariais.