A CIG convoca folga en ADG Sustainable Investments por impago dos salarios de xullo e agosto
A CIG ten convocadas unha serie de xornadas de folga na empresa ADG Sustainable Investments, do Grupo Vagalume, polo reiterado incumprimento do convenio colectivo e polo impago dos salarios de xullo e agosto. A empresa, sita no polígono do Tambre, dedícase á enxeñería e á colocación de placas fotovoltaicas.
A empresa ten a sede social en Lugo e está aplicando o convenio de siderometal desa provincia en lugar do da Coruña, onde está o centro de traballo, evitando así aplicar as mellores condicións que ten este convenio.Os incumprimentos en materia laboral e os impagos de salarios están xa denunciados na Inspección de Traballo.
Dáse ademais a circunstancia de que nesta empresa foron convocadas eleccións sindicais contra o criterio empresarial. Segundo explica Antón Cebey, da CIG-Industria de Compostela “o empresario quixo boicotear as eleccións sindicais, mesmo querendo enviar aos membros da mesa electoral o propio día da constitución da mesa a unha dirección da cidade de Lugo, cando as eleccións eran no centro de traballo do polígono do Tambre”.
Xunto a isto denuncia que nos días previos á votación a empresa sancionou ao candidato da CIG ás eleccións sindicais con 15 días de traballo e soldo. Cuestión que tamén foi comunicada á Inspección de Traballo.
Malia estes impedimentos, as eleccións sindicais celebráronse o pasado día 6 de setembro resultando elixido o traballador sancionado.
A outra empresa do grupo Vagalume, ubicada nas mesmas instalacións do polígono do Tambre, taménadebeda os salarios ao seu persoal.
A raíz deste asunto moitos dos traballadores e traballadoras de ambas as empresas do Grupo, ante a situación económica, víronse forzados arescindir os seus contratos e optar por outras empresas.
Para a CIG é “indecente que unha empresa que obtivo importantes beneficios ao longo destes meses, coa instalación das cada vez máis demandadas placas solares, por mor do incremento dos prezos da enerxía, teña ao seu persoal sen cobrar e afogado economicamente até o punto de que se vexa obrigado a buscar outra alternativa laboral para poder sobrevivir”.