A CIG convoca Folga de Mulleres para o 8 de Marzo
Este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, a CIG fai un chamamento ás traballadoras galegas a secundar a folga de 24 horas e a participar nas mobilizacións convocadas pola central nacionalista durante esa xornada.
A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, subliña que “fronte a quen poida pensar que non é o momento de convocar unha folga nunha Galiza con peches perimetrais e toques de recoller, desde o feminismo de clase consideramos que é agora cando urxe manifestarnos e combater nas rúas os ataques aos nosos dereitos, porque se algo evidenciou a pandemia é que as mulleres seguimos condenadas polo sistema a sufrirmos as máximas consecuencias da crise”.
Asevera que as mulleres “iremos á folga porque os nosos dereitos non se confinan, porque estamos fartas da hipocrisía de quen se pon fitas de solidariedade, de quen se autodefine como aliada/o feminista, pero precisamente cando máis se necesita tira ao lixo os dereitos das traballadoras esenciais, obrigando as mulleres a asumir de balde o coidado das persoas dependentes que o estado debería blindar”.
Margarida Corral critica que, malia a pandemia pór en evidencia a acertada análise do feminismo galego cando no 8 de Marzo de 2020 denunciaba que “sen coidados non hai vida”, amosando que os traballos feminizados son fundamentais para o desenvolvemento da sociedade, “as mulleres non fomos obxecto de ningunha política específica destinada a protexer a nosa saúde, sobreexpoñéndonos ao virus, nin tampouco se recompensou este sobreesforzo cunha revalorización social e económica do noso traballo”.
Unha ferramenta de loita
Dende o inicio da pandemia, a CIG reclamou a habilitación de prestacións familiares e licenzas remuneradas para quen non poida asistir ao traballo asalariado por obrigas de coidados, mais as únicas políticas adoptadas polos Gobernos do Estado e da Xunta foron dirixidas a reducir os salarios ou vender o teletraballo como unha medida de conciliación que en realidade obrigou a realizar duplas e triplas xornadas.
Fronte a este modelo mercantilista, a CIG esixe que os recursos e servizos de atención ás persoas pasen a ser revalorizados, garantindo o recoñecemento e dignificación destes traballos como un servizo esencial para a cidadanía que debe ser prestado pola administración pública galega, en condicións de calidade e seguridade.
Os recursos e servizos de atención ás persoas teñen que ser revalorizados
Tampouco se adoptaron medidas para garantir as condicións laborais e asistenciais das residencias de maiores, centros de día, atención á diversidade, servizos de axuda no fogar, etc,“que o Goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un negocio á conta das persoas máis vulnerábeis”.
Ante esta situación, apunta Corral, “facemos uso dunha ferramenta revolucionaria que sempre foi útil para combater os ataques do sistema: a folga”. Por iso, anima a todas as mulleres galegas “cansas da precariedade, dos abusos, de que o capital sexa quen xestione a crise e de que se poñan as nosas vidas en risco”, a mobilizarse o 8 de Marzo e a participar activamente na xornada de folga. “Porque ten que haber cambios reais xa. Porque non queda outro camiño que a loita que incomoda. Porque aínda que non sexa doado, non temos outra opción que o combate”.