A CIG convoca concentracións este xoves 3 de febreiro para esixir a derrogación das reformas laborais

Demanda das forzas nacionalistas e de esquerda que non avalen co seu voto unha lexislación que consolida a precariedade
Nacional - 01 Feb 2022

Con motivo do debate e votación no pleno do Congreso dos/as Deputados/as do RD/lei 32/2021, a CIG ten convocadas mobilizacións de delegadas e delegados o próximo xoves, 3 de febreiro, para amosar o seu total rexeitamento á nova reforma laboral. A central insta as forzas nacionalistas e de esquerda a non validar unha normativa que consolida a precariedade e reclama unha nova lexislación que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo para termos emprego e salarios dignos.

HORAS E LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS

  • A Coruña, ás 12h, na Delegación do Goberno (Praza de Ourense). 
  • Vigo, ás 11, diante da Dirección Provincial do SEPE.
  • Pontevedra, ás 12h, na Subdelegación do Goberno
  • Ferrol, ás 12h, na Praza de Armas
  • Compostela, ás 11h, na Praza de Galiza.
  • Lugo, ás 12h, na Subdelegación do Goberno
  • Ourense, ás 11h, na Subdelegación do Goberno

Con estas concentracións a CIG dá continuidade ás mobilizacións realizadas o pasado domingo 30 de xaneiro contra este novo pacto social “que vén enterrar máis dereitos laborais e que significa consolidar as reformas de 2010 e 2012”, ao seguir dándolle a patronal todo o poder para que poida despedir fácil e barato, aplicar ERE, ERTE e modificacións substancias das condicións de traballo, baixar salarios e estender a precariedade e a pobreza laboral.

Esta reforma, pactada no diálogo social e que se quere impoñer no Congreso, é un novo instrumento que vai favorecer as nefastas políticas do PP e de Feijóo en Galiza e constitúe a peor solución para afrontar de maneira xusta a crise social e industrial que padece o noso país, a actual carestía da vida e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización.

Por iso, a CIG seguirá esixindo a derrogación inmediata das reformas laborais de 2010 e 2012 e reivindicando o dereito a negociar os convenios colectivos no noso país, de xeito que as persoas traballadoras poidamos decidir sobre as nosas condicións de traballo e que non sexan as cúpulas sindicais as que o fagan por nós dende Madrid.