A CIG convoca concentracións en todas as cidades galegas contra o TTIP para o vindeiro 15 de outubro
A crise acelera a concentración da riqueza en cada vez menos mans, supondo cada vez maiores desigualdades entre clases e territorios. As maiores beneficiadas son as grandes empresas multinacionais, que se expanden de forma agresiva polo mundo coa colaboración dos gobernos ao seu servizo.
Coa escusa de “eliminar barreiras” para a circulación de capital e mercadorías, propoñen fusionar áreas de mercado. As diferentes propostas prometen unha saída á crise, pero en realidade supoñen unha maior regresión nos dereitos e condicións de vida da clase traballadora. Ademais, tentan conducir os pobos cara un futuro de confrontación militar global.
Cos tratados TISA (Acordo en Comercio de Servizos, que afecta 23 países) e TTIP (Asociación Transatlántica para o Comercio e o Investimento- USA/UE) aínda en negociación, o desafío inmediato vén dado polo CETA (UE/Canadá), considerado como un “cabalo de troia” do anterior pola alta integración das economías estadounidense e canadiana. Este último, xa aprobado pola Comisión Europea, podería entrar en vigor de xeito provisorio antes da aprobación de cada un dos Estados este mesmo mes de outubro.
Estas son as principais ameazas:
- Eliminación de “barreiras ao comercio”: implicará unificar á baixa a normativa en materia laboral (salarios, negociación colectiva, liberdade sindical, etc.) de calidade, medioambiental, fiscal e de investimento.
- Poténcianse as empresas “multiservizo”, que desregulamentan as relacións laborais, desprotexendo e precarizando aínda máis a clase traballadora. Ampliará a todos/as os/as traballadores/as a filosofía da Directiva “Bolkestein” da UE, que permite aplicar as condicións laborais máis regresivas .
- Limitan a intervención pública na economía baixo o argumento da “competencia desleal” co sector privado. Os estados fican aínda máis diminuídos ao aspecto lexislativo, xudicial, represivo, etc. Acoutan as cláusulas sociais dos pregos de contratación.
- Privatización de calquera servizo público (con escasas excepcións) e blindaxe das xa efectuadas. Substitúense os dereitos por “privilexios” de quen poida pagar unha sanidade ou ensino de calidade.
- Tribunais privados de “protección aos investimentos” ao servizo das multinacionais (ISDS) que suporán compensacións multimillonarias en compensación a decisións dos gobernos que comporten “diminución dos beneficios”.
As traballadoras/es galegos/as xa comprobamos as consecuencias negativas dos anteriores procesos de integración forzada que nos restan soberanía nacional e popular, como foi o Mercado Común Europeo. Por todo isto, desde a CIG chamamos a clase traballadora galega a combater estes acordos lesivos, non só para os nosos intereses inmediatos, senón para garantir unha convivencia pacífica e mutuamente beneficiosa para os diversos pobos do mundo. Un futuro de paz e cooperación que en última instancia pasa por virar costas ao capitalismo.
Concentracións
A Coruña: 12:00 h diante da Subdelegación do Goberno.
Ferrol : 12:00 h diante do Edificio da Xunta
Compostela : 12.45 h na Praza de Galiza.
Lugo: 12:00 h na Praza Maior.
Ourense: 12:00 h diante da Subdelegación do Goberno.
Pontevedra: 12:00 h na Praza da Peregrina.
Vigo: 19:00 h. Manifestación convocada pola plataforma "Non ao TTIP", con saída desde a Vía Norte.