A CIG convoca concentracións en defensa do dereito de folga e de mobilización coincidindo cos xuízos a varios/as compañeiros/as
A CIG anunciou hoxe a convocatoria de concentracións en defensa do dereito de folga e mobilización coincidindo cos xuízos contra varios/as compañeiros/as aos que se lles piden penas de prisión e multas e que se celebran en Vigo os vindeiros días 15, 28, 29 e 30 de outubro. As protestas solidarias desenvolveranse no marco da campaña contra a represión sindical posta en marcha pola central baixo o lema 'Non hai represión que parte a loita obreira' e que terá o seu epicentro no xuízo ao que se enfronta o ex secretario comarcal de Ferrol Xesús Anxo López Pintos.
O propio secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, compareceu hoxe en rolda de prensa en Vigo xunto aos secretarios comarcais de Vigo, Alberto Gonçalves, e da FGAMT, Suso García, e a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, para ofrecer os detalles das mobilizacións.
Carril lembrou que esta campaña en defensa das liberdades democráticas e fundamentais baséase en esixir a anulación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal. “Entendemos que temos que saír á rúa a defender a mobilización e a folga, que son as principais ferramentas que temos a clase traballadora para defender os nosos dereitos, para evitar que nos golpee a dureza destas políticas económicas e laborais impostas coa escusa da crise polo Goberno do PP”.
O máximo responsábel da CIG sinalou que na resposta social que a central organiza contra esta situación “atopámonos co intento de utilizar tanto o sistema xudicial como os instrumentos que ten a Delegación do Goberno para intentar silenciar esta resposta e impoñer un determinado relato da realidade; non pode ser, por iso dicimos que estamos no mundo ao revés, que os castigados/as pola crise e as duras políticas laborais sexan perseguidos/as pola xustiza, mentres os culpábeis son presentados como vítimas”.
Ao mesmo tempo, censurou que sexa sempre o PP o que fai o posíbel non só por reprimir e criminalizar a resposta social, “senón tamén por utilizar os resortes que ten na súa man para asañarse nesta estratexia de empobrecer a clase traballadora, vulnerar os nosos dereitos e cencenar a capacidade de poder exercer liberdades democráticas e fundamentais como neste caso o dereito á folga”.
Nos informes da Fiscalía faise unha lectura arrepiante que rezouma unha posición moi reaccionaria ao relacionar a folga cos actos vandálicos e de boicot
Neste senso, amosou a súa preocupación polo feito de que conflitos laborais que sucederon hai anos estean hoxe de actualidade en sede xudicial, “sobre todo cando estamos en vésperas do anuncio dunha nova recesión económica e permanecemos aínda baixo unha agresiva reforma laboral, e cando nos atopamos nunha profunda crise industrial tanto no norte como no sur do país”.
Someter a maioría social
Diante disto, lamentou que non sexan os culpábeis da privatización dos servizos públicos nin os responsábeis empresariais e das administracións que permitiron “o desfalco e o terrorismo patronal” os que teñen que dar conta diante da xustiza.
Censurou que nos informes da Fiscalía se faga “unha lectura arrepiante que rezouma unha posición moi reaccionaria, xa que se relaciona a folga cos actos vandálicos e de boicot, impedindo o exercicio normal da actividade laboral, cando isto é precisamente o sentido das folgas”. Ademais, denunciou que se constrúa un relato para enfocalo cara a un delito de coaccións, “o que supón unha perversión absoluta da lexislación para converter as vítimas en culpábeis”.
Finalmente, rexeitou o intento de someter a maioría social utilizando o sistema xudicial “a través de montaxes como son este tipo de xuízos” e aplicando o artigo 315.3 do Código Penal. “Non nos amedrentarán nin con isto nin coa aplicación da Lei Mordaza por parte do PSOE a través da Delegación e das Subdelegacións do Goberno, porque como di o lema da campaña, non hai represión que pare a loita obreira”.
Resposta do capital
O primeiro dos xuízos, no que se acusa a Carlos Martínez Lamosa, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, de facer unha pintada durante o conflito polo convenio de ambulancias, terá lugar este martes 15 ás 11:45 horas. A CIG convocou unha concentración de apoio diante do edificio xudicial ás 10:30 horas.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo explicou que “levabamos dous anos negociando o convenio, aínda que na práctica non había negociacións, xa que as xuntanzas eran cada tres ou catro meses. Entón a CIG comezou a convocar mobilizacións, “e nunha delas apareceu unha pintada en Baiona e acusan o compañeiro de facela”.
Isto foi no mes de febreiro, e en maio asinouse o convenio, “polo que está claro que este tipo de represión á que o capital nos quere acostumar é para amedrentarnos e que non reclamemos os nosos dereitos”. Segundo Suso García, o sector levaba dous anos paralizado sen case negociacións, e curiosamente cando a CIG comeza as mobilizacións prodúcense avances e resultados positivos para a clase obreira.
“Isto o capital non o pode consentir, polo que agora veñen con este tipo de cousas, como neste caso intentar condenar a alguén acusándoo de facer unha pintada”. A maiores, lembrou, tanto Carlos como Xavier Aboi, tamén foron multados por participar nunha concentración en Baiona. “Están a atracarnos por todos lados”, denunciou.
Penas de prisión
Pola súa banda, a secretaria nacional da CIG-Servizos explicou que o segundo dos xuízos ten que ver co conflito na cafetaría do Meixoeiro. En 2010 a empresa Oh Vigo fíxose coa súa xestión por adxudicación a dedo do administrador concursal de Maconsi, a anterior empresa concesionaria, xa que non se fixo nin un prego de condicións.
“Cando se fai coa xestión tivo que subrogar o persoal, comezando a partir de aí o calvario para os traballadores/as: impago de salarios, ERE, revogación do delegado de persoal da CIG. etc”. Entón a central decide convocar mobilizacións e folga, e mesmo unha acampada diante da cafetaría para reclamar que abonasen os salarios.
Para nós o propietario desta empresa é un terrorista patronal
Transi Fernández sinala que o propietario da empresa, Javier Valverde, “que para nós é un terrorista patronal”, mantén importantes débedas. En 2015 a CIG unha denuncia na Fiscalía pola mala xestión do Sergas con esta contrata, xa que nese ano a empresa lle debía ao hospital o canon de máis de 117.000 euros por impago dos recibos de xullo, agosto, setembro, outubro e novembro; a Facenda debíalle máis de 43.000 euros; e á Seguridade Social máis de 73.000 euros. A Facenda da Xunta debíalle tamén 6000 euros, e aos provedores arredor de 71.000. Ademais, tiña que asumir o canon de cando se construíu a cafetaría, que ascende a máis de 750.000 euros.
“Nós puxemos todo isto en coñecemento do Sergas, da Fiscalía e da propia conselleira de Sanidade, que daquela era Rocío Mosquera, que nunca nos quixo recibir”. E ao mesmo tempo a central seguiu facendo reclamacións de salarios. Neste tempo prodúcese a revogación do delegado de persoal, da CIG, utilizando traballadores/as doutros centros de traballo que o empresario xestionaba e que pechan como consecuencia das débedas. “Presentamos denuncia no xulgado e gañamos, polo que o compañeiro volve a ser o delegado de persoal, pero seguen os impagos e as mobilizacións, e logramos gañar o xuízo para rescindir os contratos”.
Entón o empresario ten que depositar no Xulgado do Social unha cantidades importantes para facer fronte ás indemnizacións, pero a día de hoxe segue a ingresar como moito 300 euros ao mes, polo que os traballadores/as cobran aos poucos. “Diante desta falta de liquidez, decide ir ao xulgado de Instrución e presenta denuncias falsas contra todos/as os traballadores/as que rescindiran o seu contrato. Acúsaos de coaccións e di que está mal psicoloxicamente pola súa culpa e que tivo que gastar moitos cartos na súa saúde”.
O problema -lamenta Fernández- é que o xuíz faille caso e pasa o tema ao Penal, polo que nestes momentos temos os traballadores/as imputados/as que terán que enfrontarse a un macroxuízo como consecuencia dun conflito laboral que foi xudicializado.
“Pídenlles penas de entre 10 meses e case catro anos de cadea (dous anos por coaccións, dous anos por pintadas, etc.) e unha multa que ascende en total a case 800.000 euros, polo que temos que mobilizarnos contra esta barbaridade para evitar que un empresario se aproveite dos traballadores/as e se beneficie economicamente solicitando unha indemnización aducindo que ten problemas de saúde por culpa destes/as traballadores/as.”