A CIG convoca asemblea aberta nas Pontes para informar e chamar a secundar a folga do xoves 23
A CIG convoca unha asemblea o vindeiro luns, 20 de novembro, para abordar a situación laboral, social e económica das Pontes, explicar as razóns que levan á convocatoria da folga xeral o día 23, e facer un chamamento a secundar o paro parcial e a manifestación que sairá ás 12h da Praza do Carme. A asemblea, aberta á participación de toda a veciñanza, comezará ás 20h no LAR.
Este encontro aberto enmárcase nas accións axitativas que a CIG está a densenvolver de cara á folga do próximo xoves 23 de novembro, que se efectivizará entre ás 11 e ás 15 horas e que afectará a todas os traballadores e traballadoras das empresas privadas e administracións públicas do ámbito municipal das Pontes.
As Pontes está hoxe nunha situación límite. O peche da central térmica significa a perda na vila de 45 postos de traballo de Endesa e a incerteza para o futuro máis inmediato a uns 90 traballadores/as das empresas auxiliares. Esta situación xa estaba preavisada por Endesa dende hai 4 anos, sen que as administracións públicas fixesen nada en todo este tempo para reverter o golpe económico que supón para a localidade.
A isto hai que sumarlle o concurso-liquidación de Hermanos Gabeiras e o ERE presentando en Einsa Print que, en principio, prevé o despedimento de máis de 150 traballadores/as na planta das Pontes. Ademais hai algunha empresa, cun volume importante de empregos, que xa leva un ano en ERTE.
A pesar do "bombardeo" publicitario nos medios de comunicación sobre anuncios de empresas que se van instalar nas Pontes, a realidade é que se chega a este momento crítico sen ter proxectos concretos en marcha que permitan falar dunha verdadeira transición xusta, só hai promesas. A curto prazo tampouco existen garantías e certezas como as que podería ofrecer o concurso do nó de transición xusta, comprometido polo Goberno e agora saqueado.
Por iso, a CIG denuncia que estamos ante o sistema clásico das reconversións: no presente destrución de emprego e paro, e para o futuro o anuncio dun “paraíso” industrial que non chega ou, cando se concrete nalgún proxecto, as persoas afectadas hoxe e a mocidade xa estarán fóra.
O trato de Endesa ás Pontes é de auténtico desprezo. Logo de ducias de anos tirando millonarios beneficios, agora non deixa nada, nin central de hidróxeno nin de biomasa, só uns eólicos (que lle reportarán substanciosos beneficios), mais que apenas xeran empregos directos.
Neste contexto, a CIG, antes de anunciar a convocatoria da folga, solicitou a participación doutros sindicatos sen obter até o momento unha resposta positiva. Por iso, como organización sindical maioritaria na localidade e no país, a responsabilidade da CIG é mobilizarse para exixir solucións de futuro, reiterando o chamamento aos demais sindicatos para que se sumen á folga e á manifestación.
Non hai que perder de vista que todos os avances sociais acadados foron produto sempre das mobilizacións, como no caso do Plan de desenvolvemento de 1997 que significou a creación do Polígono de Penapurreira, a instalación de novas empresas (entre elas Einsa), a construción da autovía Ferrol-As Pontes-Vilalba e da estrada de Cabanas, ou a ampliación da oferta formativa.
Doutra banda, salientar que xa hai tempo que o Comité de Crise non se reúne, con peticións sen atender da representación sindical e de comerciantes e empresarial. Esta parálise contece por decisión unilateral e inxustificada do Goberno municipal.