A CIG convoca 20 concentracións en cidades e vilas, o 19 de setembro, para dicir NON á estafa da luz
A CIG ten convocadas para o vindeiro domingo, día 19 de setembro, un total de 20 concentracións en cidades e vilas de toda Galiza baixo o lema “NON Á ESTAFA DA LUZ, Recuperación das Centrais Hidroeléctricas, Tarifa Eléctrica Galega”. A central sindical fai un chamamento a participar nestas mobilizacións diante do imparábel medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo, tal e como denunciou o secretario xeral, Paulo Carril, diante do “nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións asequíbeis”.
Carril fai este chamamento “coa lexitimidade e autoridade das moitas propostas e iniciativas que desde a CIG levamos anos facendo, para poñer fin ao réxime de oligopolio, á mafia das empresas eléctricas, que por decisións de todos os Gobernos españois gozan dun marco regulatorio e tarifario acorde aos seus exclusivos intereses”.
Especialmente “lamentábel e despreciábel” considera o papel do PP e da Xunta. Máis despois das súas políticas en favor das mesmas, “nomeadamente as que explotan os nosos ríos”, matizou, e da súa “permanente oposición a que en Galiza puideramos dar solucións como as que a CIG ten defendido e levado ao Parlamento Galego”.
A este respecto lembra as diferentes ILP promovidas pola central sindical nos últimos anos -que o PP no Parlamento Galego rexeitou-, como a da tarifa eléctrica galega, a da recuperación das Centrais Hidroeléctricas ou as propostas da CIG para dar solución á industria electrointensiva. Así como na recente tramitación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética e nas propostas feitas en outubro do ano pasado para “Unha saída galega xusta da crise”.
Propostas que demostran que “existen mecanismos legais, que é posíbel se hai vontade política, garantir prezos xustos da enerxía”, afirma. Un ben de consumo de primeira necesidade que, ao seu entender, “obriga aos poderes públicos a recoñecer a enerxía como un dereito universal de todas as persoas ao benestar social e a adoptar medidas de intervención no sector eléctrico para garantir unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que cree postos de traballo”.
Colonización enerxética
Carril denuncia ademais que toda esta gravísima situación de alza nos prezos da electricidade, ten lugar nun momento no que Galiza se atopa diante dun novo proceso de “colonización enerxética” que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes, “mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética e comarcas enteiras de Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización”.
Canda isto advirte que as grandes empresas eléctricas “están a aproveitar a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado”.
Por iso demanda unha verdadeira transición ecolóxica galega “ordenada, xusta, ao servizo do País, cunha xestión pública que poña fin ao oligopolio das grandes eléctricas”.
Sector estratéxico para Galiza
O secretario xeral da CIG fai especial fincapé no valor estratéxico que para Galiza ten o sector enerxético, polo que representa no seu PIB e por ser un factor relevante para a produción industrial. Denuncia que, porén, ao longo dos anos, “por decisión políticas, Galiza foi especializándose na xeración de electricidade con enormes custes socias e medio ambientais e sen poder tirar proveito desta actividade”. Nese sentido lembra que “en Galiza exportamos, nos últimos anos, unha media do 30% en favor doutros territorios e do seu desenvolvemento económico, social e industrial mentres en Galiza, pechan empresas, medra o desemprego e continua a emigración”.
Ademais critica ao Goberno español do PSOE e UP por trasladar toda solución “ao xogo do puro e duro do libre mercado, confiando que con máis renovábeis en produción, o prezo baixará”.
Propostas de actuación inmediata
Sobre a mesa pon unha serie de medidas a adoptar por parte dos gobernos español e galego, no marco das súas competencias, vía Decreto e outras ferramentas legais para levalas adiante. Propostas que a CIG ten presentado en numerosas ocasións, que non foron atendidas polos distintos gobernos e cuxa aplicación tería evitado chegar á actual situación:
1.-O recoñecemento da enerxía como dereito fundamental a unha vida digna que obriga ás Administracións Públicas a desenvolver e fomentar políticas públicas de intervención no sector eléctrico coas que garantir o aceso de todas as persoas á mesma.
2.-Reversión das instalacións hidroeléctricas que teñan rematado e rematen a concesión, destinado os beneficios da produción hidroeléctrica a abaratar o custe da electricidade.
3.- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión vaia vencendo e, tamén, controle as participacións accionariais que ten a Xunta noutras empresas enerxéticas.
4.- Fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor de acordo á lexislación de augas vixente en Galiza e no Estado español a fin de garantir que a enerxía reservada en favor das Administracións Públicas se destina a baixar o prezo da electricidade.
5.- Modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todas as peaxes que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, coa produción de electricidade: primas renovábeis, custes extrapeninsulares...
6.- Retirada do pool, do mercado maiorista, para fixar o prezo da electricidade, as centrais hidráulicas e as nucleares.
7.- Modificar transitoriamente os impostos que actualmente están presentes na tarifa eléctrica e que pagan inxustamente as persoas consumidoras mentres non entren en vigor as medidas anteriores, reducindo o tipo máximo de IVE actual, do 21%, ao 4% que se aplica aos produtos básicos e, así mesmo, que as empresas deixen de repercutir nas usuarias e usuarios o 7% do imposto á xeración.
8.- Implantación da tarifa eléctrica galega, dunha tarifa eléctrica máis baixa en Galiza, partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico.
Pola súa banda, Fernando Branco, responsable do sector de Enerxía da CIG explica que destas medidas, hainas de impacto inmediato na factura da luz e medidas a máis longo prazo. A curto prazo salienta a redución da fiscalidade ao 4%, que está agora no 21% para empresas, PEMES e consumos comerciais e, temporalmente no 10% para consumo doméstico, que teñen menos de 10 kw de potencia contratados. E limpar da factura aquelas peaxes que non teñen a ver co propio sistema eléctrico: as primas de renovábeis, que son 6.000 millóns de euros ao ano e os extra custos extrapeninsulares para compensar solidariamente o alto prezo da xeración de electricidade que teñen en Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla, uns 750 millóns de euros ao ano. Ambas partidas que “deberían de estar en orzamentos do Estado” e non na factura. “Sería máis xusto socialmente porque ao estar no recibo afecta tanto a unha traballadora de Citröen como a Florentino, pero se está en orzamentos do Estado quen máis contribúe é quen máis gaña”.
Medidas para mudar o sistema eléctrico
Respecto das outras medidas subliña que, aínda que non teñen impacto inmediato “hai que facelo xa”, como a recuperación das centrais hidroeléctricas, que considera que teñen que ir a unha empresa pública galega de electricidade que as xestione. “Non hai ningún motivo para que esas centrais sigan sendo xestionadas por mans privadas, algunhas desde hai máis dun século, forzando ao límite a Lei de Augas”.
Tamén reclama a modificación do sistema de casación de prezos no mercado maiorista, o chamado pool, que pagan todas as tecnoloxías por igual e sempre a custo da máis cara. “Iso é un disparate xa de presente, pero máis de futuro, porque sempre imos ter algunha tecnoloxía cara que vai entrar a producir pola propia demanda enerxética que se prevé no futuro”.
Sobre esta cuestión demanda que se saquen do mercado dúas tecnoloxías que “están súper amortizadas e que non emiten CO2”, como as nucleares e as hidroeléctricas. Tecnoloxías que, casualmente, están en posesión de Naturgy, Iberdrola e Endesa e que teñen unha posición de forza no mercado. “Por iso hai que retiralas do mercado maiorista e ir a un sistema de fixación de prezos”, conclue.