A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio en Galiza
A CIG presentou esta mañá a campaña arredor da que xira este ano a conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. Unha xornada na que a central sindical ten convocadas 16 manifestacións en cidades e vilas -a principal, desta volta, terá lugar na Coruña- e que se celebrará baixo o lema “Traballo digno. Pola paz e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo”.
Convocatorias nas que, tal e como explicou o secretario xeral, Paulo Carril, se denunciará “o belicismo e apoloxía da guerra que a UE, en entusiasta obediencia aos Estados Unidos (EUA) e ás misións da OTAN, está axitando para disimular manterse á fronte dun mundo que camiña a ser irreversiblemente multipolar e a rachar coa globalización neoliberal, co imperialismo que os EUA queren manter a lume, sangue e morte”.
Nese sentido, rexeitou o gasto de 1.200 millóns de euros en armas aprobado polo Consello de Ministros e o apoio de Europa a Israel no seu xenocidio ao pobo palestino. “Son o exemplo da crueldade do chamado Occidente civilizado e democrático, por negarse a recoñecer unhas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, que respecte, tamén nas propias fronteiras da UE, o dereito de autodeterminación dos pobos e nacións que a integran, para así liderar a construción dun mundo moi necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz”, dixo.
Precarización das condicións laborais e de vida
Neste contexto, advertiu dos altos prezos da cesta da compra; da baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións; do aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e do medre da poboación en risco de pobreza e de exclusión social. Unha situación da que responsabilizou á reforma laboral, vixente desde ha xa 2 anos, que “nin xerou dereitos, nin derrogou as graves e regresivas reformas laborais do 2012”, afirmou.
Así mencionou algúns dos datos máis salientábeis que constatan esta situación, como o aumentou nun 125,1% dos contratos fixos-descontinuos desde 2021; o medre das xornadas parciais, que pasaron de ser o 19,8% en 2021 a representar o 23,9% en 2023 e que teñen maioritariamente mulleres (o 75,5%) ou que o 42,5% dos contratos temporais duraron menos dunha semana no 2023.
Por iso situou como obxectivo prioritario da CIG a mellora da capacidade adquisitiva dos salarios e combater a pobreza porque, tal e como lembrou, o 33,6% dos e das asalariadas non acadaron uns ingresos equivalentes ao SMI e o 59,3% das persoas que percibiron ingresos procedentes do traballo non acadou os ingresos medios de Galiza, é dicir, estes son inferiores aos 21.999 €, “o que amosa as grandes fendas existentes”.
Fendas que, subliñou, vén confirmar tamén a taxa Arope, que considera en risco de pobreza os fogares cunha renda inferior ao 60% da mediana de ingresos, de 8,449,20 euros. “Isto representa en Galiza cerca do 26%, aumentando 1,8 puntos, mentres que no Estado medrou 1,2 puntos”.
Responsabilizou desta situación ás políticas laborais do Goberno español e ao diálogo social que, advertiu, “agora camiña no intento de impoñer novos recortes”, entre os que sinalou a privatización da sanidade pública, impulsando o abuso das Mutuas, acordado no V AENC e que, segundo explicou, “agora o INSS quere impor fomentando que os procesos de IT por contixencias comúns derivados de patoloxías músculo-esqueléticas sexan postas en mans das Mutuas”.
Denunciou tamén que se estea a negociar no diálogo social, sen respectar os dereitos de representación das centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG, cambios na Seguridade Social. Mais “non na liña de avanzar en garantir unha verdadeira xubilación anticipada, uns coeficientes redutores da idade de xubilación para profesións perigosas e penosas, ou unha xubilación parcial con dereitos, que rexuveneza os cadros de persoal e xere emprego digno”. Cuestións que o levaron a concluír que “estamos ante a acción dun Goberno español que non restitúe nin recoñece dereitos senón que substitúe dereitos socias por programas de beneficencia”.
Confrontar o espolio e as políticas económicas neoliberais dos Gobernos
Carril cuestionou, fronte a propaganda do goberno español, as políticas neoliberais e a aplicación do programa de reformas que o plan de axuste europeo impón para acceder aos envelenados e sonados fondos Next Generation.
Políticas coas que, lembrou, concorda o PP en Galiza que, tras renovar a súa maioría absoluta as aplicará, xunto con todas aquelas que “reforcen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español”. Unha situación que considerou que supón “a negación dun desenvolvemento galego propio para frear o aumento do empobrecemento das clases populares”.
Un Goberno, o do PP, ao que acusou de “estar obsesionado coa privatización dos servizos públicos, entregado ás grandes empresas que veñen espoliar e explotar de forma colonial os nosos recursos naturais mentres avanza o avellentamento da poboación, a desertización social e industrial de moitas comarcas e a continua emigración por falta de emprego”.
Solidariedade de clase e mobilización contra o saqueo
Por todo isto, chamou á mobilización neste Primeiro de Maio, nos centros de traballo e tamén nas rúas. “Non podemos permitir que, ante esta situación, impoñan a desmobilización para facilitar un endurecemento das políticas reaccionarias, antisociais e antigalegas que os diferentes gobernos e a UE pretenden seguir desenvolvendo como o veñen facendo desde hai anos”, dixo, engadindo que “cómpre confrontarmos o roubo e saqueo que estamos a vivir; necesitamos que a solidariedade e unidade da clase traballadora e do pobo galego siga demostrando que pode con todo, que ten unha enorme capacidade de acción”.
E sobre esa capacidade de acción quixo salientar a importancia de que a CIG sexa a primeira forza sindical e os resultados de entender o conflito e a mobilización “como único camiño para a conquista de dereitos”. Resultados recollidos polo CGRL, que confirman que, como resultado da negociación colectiva en Galiza no 2023 o incremento salarial pactado foi do 4,63%, fronte ao 3,46% na media do Estado. “Fomos o territorio do Estado con maior incremento salarial e no Estado mesmo quedou por baixo do que o V AENC de UGT, CCOO e Patronal pactaron”.
Carril concluíu lembrando o lema deste Primeiro de Maio, “Stop Precariedade, Traballo Digno” e chamando a reclamar un marco galego de relacións laborais e unha nova lexislación laboral e social “que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións, da demanda dun Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e do reforzo dos servizos públicos en Galiza”.
Mobilizacións do Primeiro de Maio
Foi Susana Méndez, secretaria de Organización, quen deu conta das 16 manifestacións que a CIG convoca en cidades e vilas do país. Mobilizacións que, lembrou, serán as primeiras en Primeiro de Maio tras do sindicato revalidar a súa condición de primeira forza. Eleccións nas que acadou 5.131 delegadas e delegados, que representan máis dun 31% do total de delegados e delegadas da Galiza.
Resultados que Méndez considerou que “ademais de confirmar que a nosa liña sindical é a que as traballadoras e traballadores avalían como a que mellor defende os seus intereses, nos dá tamén unha maior forza e unha maior responsabilidade á hora de continuar avanzando nesa liña combativa e de confrontación tanto das políticas de reformas e recortes impostas polos gobernos central e galego como da explotación e a negación de dereitos que a patronal pretende”.
A Coruña- 12:00 h desde a Praza de Vigo
Cee- 12:00 h Praza de Otero Lastres
Santiago- 12:00 h desde a Praza Roxa
Ribeira- 12:00 h Praza do Peixe
Ferrol- 12:00 h desde o Local sindical (Esteiro)
As Pontes- 12:00 h Praza do Carmen
Lugo- 12:00 h desde o Edificio Sindical (Rda da Muralla)
Ribadeo- 12:00 h Edificio Sindical (Av. de Galiza)
Ourense- 11.30 h desde a Praza Maior
Verín- 12:00 h. Praza do Concello
O Barco de Valdeorras- 12:00 h, diante do concello
Pontevedra- 11.30 h desde a Praza da Ferrería
Vilagarcía 11:30 h desde a Casa do Mar
A Estrada- 12:00 h Praza do Mercado
Vigo- 12:00 h desde A Dobrada
Cangas- 18:00 h Praza do Concello