A CIG convoca 11 protestas este domingo para esixir a derrogación real das reformas laborais
A CIG, como xa anunciara a pasada semana, convoca unha xornada de mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía, Viveiro, Ribeira e Cee para o domingo 30 de xaneiro, en rexeitamento á fraude que supón a nova reforma laboral e para esixir a derrogación das reformas impostas dende o ano 2010. Ademais, o día que se celebre o Pleno do Congreso no que se convalide o RD/lei 32/2021, que previsibelmente será o 3 de febreiro, a CIG tamén se concentrará diante Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo.
Ademais, esta xornada de mobilizacións do domingo 30 vaise desenvolver de xeito conxunto en Galiza, Euskal Herria e Catalunya en resposta ao novo ataque á clase traballadora que supón esta reforma laboral que significa maior precariedade e o aumento da centralización da negociación colectiva.
Horas e lugares das mobilizacións
- A Coruña: ás 12h, na Praza de Vigo.
- Ferrol: ás 12h, no local sindical CIG na Avda. do Esteiro.
- Lugo: ás 12h, no Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
- Ourense: ás 11.30h, no Edificio Sindical (Parque de San Lázaro).
- Pontevedra: ás 12h, na Praza da Ferrería.
- Santiago de Compostela: ás 11.30h, na Praza Roxa.
- Vigo: ás 12h, desde a Dobrada.
- Vilagarcía: ás 12h, na Casa do Mar.
- Viveiro: ás 12h, na Praza do Concello.
- Ribeira: ás 12h, na Praza do Concello.
- Cee: ás 12h, diante do Concello.
Non á fraude da nova reforma laboral
Coa aprobación do RD/Lei 32/2021, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos incumpriu a promesa que tantas veces anunciara, posto que non se derroga a reforma laboral de 2012 imposta polo PP.
No acordo do “diálogo social” do que emana esta nova normativa, tanto o Goberno como UGT e CCOO pregáronse aos intereses da patronal. O pacto social evidénciase unha vez máis como o enterrador dos dereitos dos traballadores e das traballadoras. O texto desta nova reforma, ademais de manter as medidas máis lesivas da do PP, incorpora outras novas que favorecen o empresariado á conta, outra vez, da clase obreira:
- O despedimento segue a ser igual de fácil e barato e mantense a barra libre das empresas para os despedimentos colectivos.
- Non se recuperan os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes.
- Non se recupera a nulidade dos despedimentos en fraude de lei.
- Segue en vigor o 10% da desregulación da xornada laboral.
- Incorpóranse novos contratos de formación e temporais, e modalidades de ERTE, que afondarán na precariedade. Ademais, créase unha nova modalidade de traballador/a precario/a baixo o novo contrato fixo-descontinuo.
- A nova modalidade de ERTE facilita o traspaso de cartos públicos a través das bonificacións nas cotas a Seguridade Social, mentres argumentan que a caixa das pensións está quebrada.
- Mantense a prevalencia do convenio estatal fronte aos convenios galegos e provinciais, e tamén que os convenios de empresa poidan empeorar os convenios sectoriais, agás nos salarios
Nin pacto social, nin reforma laboral!
Domingo 30 de xaneiro, mobilízate coa CIG!