A CIG continuará esixindo a derrogación das reformas laborais e unha nova lexislación que realmente permita recuperar e gañar dereitos
A CIG concentrouse este xoves nas sete cidades para amosar o rexeitamento á nova reforma laboral e demandar a derrogación das reformas aprobadas dende 2010. As protestas, que dan continuidade as mobilizacións realizadas o pasado domingo, convocouse coincidindo co debate e votación no Congreso das e dos Deputados do RD/Lei 32/2021 e nas mesmas reclamouse a aprobación dunha nova lexislación que permita realmente recuperar dereitos e avanzar na conquista doutros novos.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, valoraba ao inicio da concentración na Delegación do Goberno na Coruña, que o feito de que se aprobe a lei non elimina o seu carácter fraudulento. "Coa convalidación no Congreso o que se está a facer é consolidar a brutal reforma laboral imposta polo PP en 2012 e aceptar a súa non derrogación por parte dos mesmos partidos que prometeran tombala nada máis chegar ao goberno. Por moita propaganda que se nos venda, isto constitúe un gravísimo incumprimento dos seus compromisos programáticos".
Criticou toda a "verborrea" e confusión arredor do contido da norma e os intentos "de limpar o texto" trasladando a idea de que quen está en contra desta reforma está coas políticas de dereitas. "O que demostra quen é dereitas ou de esquerdas son os feitos, e a realidade é que PSOE e UP renuncian as súas promesas electorais, perpetuando a reforma do PP", aseverou.
Carril subliñou que a nova lexislación mantén intactos os aspectos máis lesivos da reforma do 2012, contra da que se convocaron dúas folgas xerais, e non permite recuperar os dereitos roubados nin mellorar as condicións de traballo para termos emprego e salarios dignos. Neste senso, aclarou que os novos aspectos que contempla o texto "en absoluto van erradicar e acabar coa temporalidade. Baixo novas denominacións nos contratos a temporalidade, a eventualidade e os baixos salarios seguirán existindo", advertiu.
Xunto a isto, advertiu que se configura un mercado laboral no que o despedimento é practicamente de balde e no que se segue deixando todo o poder de decisións sobre o mantemento do emprego e as condicións laborais nas mans da patronal, pois nin se recupera a indemnización por despedimento nas contías previas, nin os salarios de trámite, nin a autorización administrativa dos ERE e mantéñense os recortes nas coberturas do FOGASA.
Ademais, afóndase na centralización das relacións laborais, facendo prevalecer de forma moi agresiva os marcos estatais da negociación colectiva e doutros mecanismos para regular as condicións de traballo, como son os ERTE
Por iso, reiterou a necesidade de derrogar á integra as reformas postas en marcha dende 2010 e a recuperar o dereito á negociación colectiva en Galiza, xa que o acordo saído do diálogo social que derivou no texto lexislativo, consolida a centralización das relacións laborais ao manter a prevalencia dos convenios estatais, fronte aos autonómicos ou provinciais, que se teñen demostrado unha ferramenta fundamental da clase traballadora para a conquista de dereitos e de mellora das condicións laborais.
Neste punto, tamén desmentiu que se recupere a prevalencia dos convenios de sector fronte aos de empresa, xa que agás no ámbito salarial, no resto de materias o convenio de empresa poderá seguir contemplando condicións inferiores ao establecido no marco sectorial de referencia.
Por todo isto, o secretario xeral da CIG xa avanzou que a partir de agora o que toca é loitar día a día para tentar desmontar a reforma a través da negociación colectiva e coa mobilización nas rúas.