A CIG-Construción rexeita por insuficiente o incremento salarial pactado en Ourense

A central baralla denunciar o acordo entre a patronal e CCOO e UGT que traslada a suba asinada a nivel estatal e ao que non foi convocada a CIG
Ourense - 02 Dec 2025

A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG amosou o seu rexeitamento ao incremento salarial para os anos 2025 e 2026 que veñen de pactar a patronal Asociación de Constructores de Ourense (ACO) e os sindicatos CCCOO e UGT ao consideralo insuficiente xa que non garante un salario digno para o persoal do sector. Na central barallan denunciar o acordo que traslada a suba asinada a nivel estatal e a cuxa negociación non foi convocada a CIG.

Dende a FCM cualifican de “paripé” o encontro entre o empresariado e os sindicatos estatais do que se tivo coñecemento polos medios de comunicación o pasado venres 28, “xa que o único que fixeron foi copiar os incrementos pactados en Madrid, que a CIG non asinou por consideralos insuficientes ao non garantir un salario digno para as persoas traballadoras do sector”. 

CCCOO e UGT negan a posibilidade dunha negociación propia adaptada á nosa provincia

Para a central sindical o acontecido amosa unha falta de negociación “real” no convenio provincial de Ourense. “Non entendemos como CCCOO e UGT seguen negando a posibilidade dunha negociación propia adaptada ás circunstancias da nosa provincia”. Polo que reiteran a necesidade de avanzar cara a un Marco Galego de negociación que permita desvincularse do estatal, como único xeito de negociar en Galiza as condicións laborais e uns incrementos salariais dignos”.

En consecuencia, adiantan que están a estudar a posibilidade de denunciar estes incrementos “xa que foron pactados sen convocar a CIG, cando temos dereito e debemos de formar parte desta mesa de negociación”.