
A CIG-Construción retoma as mobilizacións por un convenio galego tras o desplante da patronal ao sector

A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro martes, 8 de abril, ás 12:00h, diante da patronal coruñesa APECCO, para demandar o inicio das negociacións dun convenio galego da Construción que permita seguir avanzando en dereitos e blinde as melloras pactadas nos convenios provinciais fronte ao estatal.
Ir a un marco galego de negociación no sector, atendendo ao cambio lexislativo que dá prioridade aos convenios e acordos interprofesionais autonómicos, evitaría o que aconteceu co convenio de Pintura da Coruña ou o de Construción Pontevedra, que foi impugnado pola patronal estatal porque contemplaba mellores condicións respecto ao marco regulador estatal.
Con este obxectivo, e tras meses tentando obter unha reunión coa patronal galega FEGACONS sen recibir resposta, a CIG-Construción iniciou un calendario de mobilizacións con concentracións en Santiago de Compostela, Ourense e Vigo, diante das sedes das patronais do sector.
Despois desta última, grazas ás xestións da CIG coa patronal galega, FEGACONS aceptou reunirse, mais cunha condición inaceptábel: que nesa xuntanza non podería estar presente ningún membro da Federación de Construción da CIG. Esta actitude de desprezo non só á CIG, senón a todo o persoal do sector que representa de xeito maioritario, levou a central sindical a retomar as concentracións sen descartar a posibilidade dunha convocatoria de folga.
A FCM-CIG volve esixir ao presidente da patronal galega e coruñesa, Diego Vázquez Reino, “que escoite as reivindicacións xustas do persoal do sector da construción e as obras públicas, porque merece ser respectado e que se lle escoite”.