A CIG-Construción reclama a inclusión de cláusulas que garantan os dereitos laborais nos contratos de obras do sector público
A CIG-Construción de Vigo está a desenvolver unha campaña para reclamar a inclusión de cláusulas sociais nos contratos de obras que dependan do sector público coa finalidade de que se garantan os dereitos laborais dos traballadores/as “xa que é obriga das Administracións públicas xogar un papel relevante na xeración de emprego e na mellora dos niveis de benestar da cidadanía”.
A central está a promover a presentación de mocións en todos os Concellos da provincia de Pontevedra (nalgúns como no de Moaña, A Guarda, e Tomiño xa foron aprobadas) para que as corporacións municipais apoien esta iniciativa.
Consideran que a contratación de obra pública, máis alá da función instrumental para cubrir determinadas necesidades, debe contemplarse como posibilidade de mellora do emprego, da calidade do mesmo e como elemento activador das potencialidades económicas.
Ao mesmo tempo, lembran que existen incluso directivas europeas neste sentido, como a 24/2014: “En aras dunha integración axeitada de requisitos medioambientais, sociais e laborais nas licitacións públicas, resulta importante que os Estados membros e os poderes adxudicatarios tomen medidas para velar polo cumprimento das súas obrigas nos ámbitos do dereito medioambiental, social e laboral aplicables no lugar en que se realicen as obras ou se presten os servizos”.
Ademais, establécese que “As respectivas obrigas poderán incluírse en cláusulas contractuais. Tamén debe ser posíbel incluír cláusulas que garantan o cumprimento de convenios colectivos nos contratos públicos. O incumprimento destas obrigas podería considerarse unha falta grave do operador económico, podendo ser excluído do procedemento da adxudicación do contrato público”.
A crise cebouse co sector
Por outra banda, dende a CIG-Construción denuncian que a actual crise económica, a carencia de recursos e a desprotección social que padecen milleiros de persoas por mor das políticas impostas polos distintos gobernos do Estado e das comunidades autónomas concrétase cunha dureza especial entre os traballadores da construción. “Os datos son elocuentes, xa que dende o ano 2007 destruíronse nesta actividade en Galiza 73.814 empregos, o 49,59% dos existentes, o que sitúa a milleiros de familias nunha situación dramática”, alertan.
Consideran que estas cifras deberan obrigar a unha reacción por parte das Administracións públicas para que nas obras que contraten controlen con o cumprimento das xornada de traballo, prohibindo a realización de horas extraordinarias. “Os excesos de xornada, a maiores de ser unha estafa aos traballadores/as xa que boa parte das horas extras non se pagan, agochan unha importante bolsa de fraude a Facenda e á Seguridade Social”, engaden.
Ademais, as sucesivas reformas laborais chapodaron de raíz os dereitos dos traballadores/as e dotaron aos empresarios/as dun poder case absoluto para variar as condicións laborais. Neste contexto son moitas as empresas que para acceder aos contratos optan por rebaixar os salarios de xeito abusivo. A cadea de subcontratacións tamén contribúe a degradar as condicións sociais e laborais, xa que non existe un control por parte dos contratantes sobre as condicións en que se realizan os traballos, primando os baixos custes e o cumprimento dos prazos.
Resumo das cláusulas sociais
Dende a CIG-Construción inciden en que “as Administracións públicas, en lugar de desentenderse das condicións de traballo, teñen a obriga de ser exemplares, e tamén exemplarizantes, no cumprimento da lexislación nas obras executadas baixo a súa responsabilidade”. Diante disto, reclámanlles que inclúan nos procedementos de contratación de obras as seguintes cláusulas sociais:
1. O contrato suxeitarase ao cumprimento das disposicións legais, regulamentarias e convencionais en materia laboral e de seguridade e saúde no traballo. Deberanse aplicar como condicións mínimas as do Convenio Provincial da Construción vixente en cada momento en Pontevedra, polo que a empresas que as modifiquen (contratistas ou subcontratistas) serán excluídas do acceso a contratos públicos. Resolverase o contrato das que, durante a realización da obra, opten por modificar ou inaplicar o covenio. A contratista deberá xustificar que as subcontratas tamén cumpren estas condicións e a contratante comprobará a observación destes requisitos.
2. Primarán as empresas que realicen integramente a obra sen acudir a subcontratación ou que a restrinxan ás actividades complementarias. Terase en conta o número de traballadores/as fixos/as que prestan servizos na obra. Primarán, á hora de ser contratadas, as empresas que contraten parados/as de larga duración inscritos/as nas oficinas do SEPE.
3. Non poderán realizar traballos para a administración contratante, nin como contratistas nin como subcontratistas, empresas que teñan incumprimentos en materia laboral.
4. Estableceranse cláusulas que garantan que o aumento de custes que se poida producir como resultado dos incrementos salariais producidos no Convenio Provincial da Construción serán asumidos pola empresa e non darán lugar á modificación das condicións de traballo. Non se permitirá acudir a recrutar persoal en ETT, segundo o establecido na normativa convencional do sector da construción.
5. As empresas que traballen para a Administración cumprirán as seguintes obrigas:
Que dispoñen de infraestruturas e medios adecuados para levar a cabo a actividade contratada e exercer directamente a dirección dos traballos e non se teña producido cesión ilegal de traballadores/as.
Que o seu persoal dispón da formación necesaria en materia de prevención de riscos laborais.
Que dispón da organización preventiva axeitada.
Que cumpre as obrigas en materia de seguridade e saúde.
Que dispoñen dun 30% de traballadores/as con contrato indefinido (excluído o denominado contrato de emprendedores).
Que está inscritos no REA
Non discriminar a traballadores/as que proveñan das oficinas de emprego por non estar en posesión das acreditacións formativas emitidas pola FLC, e que acrediten a mesma formación por outras entidades homologadas.
A Administración contratante comprobará que se cumpren os límites no réxime de contratación establecidos na Lei.
6. Como medida do fomento do emprego, está prohibida a realización de horas extras e os traballos en sábados, domingos, festivos e festivos de convenio.
7. Consideraranse como desproporcionadas ou anormais as ofertas que sexan inferiores en máis dun 8% da media aritmética de todos os prezos das ofertas admitidas. Serán excluídas as empresas nas que se comprobe que os custes salariais non respondan ás condicións pactadas no Convenio Provincial.
8. Estableceranse mecanismos de control de verificación de que se cumpren as condicións esixidas, así como das consecuencias xurídicas do incumprimento das mesmas, nomeadamente no relativo aos incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral e obrigas salariais.
9. Dado que a construción é impulsora dunha importante actividade económica noutros sectores (cemento, pedra, madeira, transporte e outros materiais) que tamén están a padecer os efectos da crise, tamén se debe valorar que as compañías que accedan a estes proxectos contraten subministros e servizos con empresas da zona.
10. Daráselles traslado do expediente de adxudicación ás organización sindicais máis representativas, así como da relación das subcontratas que participarán na obra.
11. As empresas permitirán o acceso áa obras dos representantes das organizacións sindicais representativas do sector da Construción de Galiza para comprobar o grao de cumprimento das condicións laborais e de seguridade e saúde.
12. As Administracións públicas crearán comisións de seguimento para o estipulado en relación coa obra pública na que participarán as organizacións sindicais máis representativas.