A CIG-Construción mobilízase na patronal ourensá para reclamar a negociación dos convenios en Galiza

A central reclama unha xuntanza coa federación galega do sector para mudar o marco e blindar as melloras contempladas nos acordos provinciais
Ourense - 16 Dec 2024

A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM) continuou hoxe coas mobilizacións para intentar forzar unha xuntanza coa Federación Galega de Construción (FEGACONS) na que abordar un novo marco de relacións laborais que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal. A protesta de hoxe diante da Asociación Provincial de Empresarios/as da Construción de Ourense (ACO) chega despois da ocupación simbólica da sede de FECAGONS en Santiago que tivo lugar o pasado 20 de novembro.

Un grupo de persoas traballadoras e delegadas do sector desenvolveu este mediodía unha concentración diante da sede da patronal na rúa ao berro de “convenios aquí e non en Madrid” coa que pretenden deixar claro que “agora decidimos nós”, tal e como se podía ler na faixa que despregaron durante a protesta. Unha representación da central sindical accedeu ao interior das instalacións, onde foi recibida polo xerente da asociación empresarial. Dende a FCM-CIG reclamáronlle que “presionen” para que a xuntanza coa federación galega -da que a ACO fai parte- se poida celebrar.

O secretario nacional da FCM, Plácido Valencia, explicou que tras o recente cambio lexislativo aprobado no Congreso polo que se lle dá prioridade aos convenios autonómicos fronte aos estatais, os sindicatos e asociacións empresariais que reúnan os requisitos de lexitimación “poderán negociar convenios colectivos e acordos interprofesionais de comunidade autónoma”.

Por iso, desde a CIG-Construción solicitaron en varias ocasións manter unha xuntanza coa FEGACONS co obxectivo de mudar o marco e pactar un convenio ou acordo a nivel galego que permita blindar as melloras contempladas nos convenios provincias fronte ao estatal. E deste xeito poder evitar o acontecido co convenio de Pontevedra, que foi impugnado pola patronal porque contemplaba mellores condicións respecto ao estatal.

A central sindical cursou até tres peticións de reunión coa federación galega dende o pasado mes de xullo, “pero a resposta foi o silencio absoluto, polo que nos vimos abocados a convocar unha primeira mobilización na sede de Santiago e a entrar nas súas instalacións para poder concertar unha xuntanza”. Mais a FEGACONS optou novamente por non responder a solicitude, de xeito que a CIG decidiu trasladar as protestas hoxe á patronal de Ourense e o vindeiro 15 de xaneiro á de Vigo.

O responsábel sindical denunciou que o convenio estatal ten todas as materias reservadas, polo que “estamos suxeitos ao ditame de Madrid e ao que negocien tanto a patronal como os sindicatos estatais, CCOO e UGT”.

Con todo, lembrou que tamén convidaron a estes sindicatos, dos que tampouco obtiveron resposta, para tentar formalizar un acordo no que se definira a ruta a seguir para poder conseguir un convenio galego negociado nun marco galego.

Protexer os convenios

Entende que deste xeito se pode de protección os convenios provinciais para que non volva acontecer o que pasou co de Pontevedra, no que se melloraban as condicións respecto do convenio estatal e “a patronal estatal botouno abaixo amparándose en que son materias reservadas”. Un convenio que, como apuntou, “xa só no plano salarial superaba en case dous puntos o acordado en Madrid”.

A consecuencia disto o persoal da construción de Pontevedra está sen convenio, “porque a patronal madrileña corta de raíz toda posibilidade de mellorar o que eles deciden alá, non se sabe con que criterio”, lamentou.

Finalmente, censurou que son precisamente esas peores condicións as que están a provocar a falta de man de obra no sector. “A patronal di que non hai persoal, pero se dignificaran as condicións de traballo sería diferente. Agora sométennos a salarios baixos, condicións malas, contratos precarios e abusivos, nalgúns casos, con contratos de formación, nos que a formación non existe, para ter man de obra barata”.