A CIG-Construción intensifica as xestións institucionais para ampliar dereitos no sector da pedra
A federación da Construción e Madeira da CIG está a intensificar nos últimos meses as xestións institucionais co obxectivo de ampliar os dereitos laborais e sociais do persoal do sector da pedra, lousa e mármore. A central sindical vén de promover a presentación de iniciativas nos Parlamentos galego e español para aumentar os coeficientes redutores da idade de xubilación e mellorar a cobertura dos afectados por silicose, entre outras cuestións.
A CIG-Construción achegou a través do BNG dúas proposicións non de lei, unha ao Parlamento galego e outra ao Congreso dos Deputados/as español, e unha serie de preguntas para a súa resposta en comisión parlamentaria.
No caso da que vén de ser tramitada ante o Parlamento galego ínstase á Xunta a poñer en marcha dun xeito inmediato unha campaña de control das condicións de traballo e de cumprimento da prevención de riscos laborais no sector da industria da pedra e do mármore (explotacións mineiras de diferentes tipo de pedra, como lousa ou granito, e empresas de tratamento e fabricación).
Así como a constituír unha unidade especializada na diagnose e no tratamento da silicose, que sirva de centro de referencia para toda Galiza, para evitar que os afectados por esta enfermidade profesional teñan que desprazarse a Oviedo, cidade na que se localiza o Instituto Nacional de Silicosis.
Paralelamente, a central trasladou, tamén a través do BNG, unha serie de preguntas para resposta oral nunha comisión parlamentaria. En concreto, demándase do Goberno galego que explique se coñece os informes do Instituto Nacional de Silicosis que evidencian un progresivo aumento dos casos de silicose entre os traballadores galegos, representando xa case a metade de todos os que se rexistran no conxunto do Estado. Neste senso, inquíreselle a que aclare se mantén algún tipo de relación institucionalizada con este Instituto, así como a informar das campañas de supervisión da prevención de riscos laborais no sector que teñan realizado a Consellaría de Traballo e o ISSGA.
Tamén se lle pregunta se se fixeron públicos tanto os informes como as súas conclusións, e se a Xunta ten realizado algunha campaña de promoción ou da prevención de riscos laborais na industria da pedra. Ademais, demándase unha explicación a respecto do seguimento ou comprobación dos resultados obtidos na prevención despois de emitir requirimentos ou impulsar campañas de promoción da prevención de riscos laborais por parte do Executivo autonómico.
Finalmente, reclámase unha explicación por parte da Xunta dos datos recollidos no informe do Instituto Nacional de Silicose (INS), ao tempo que se lle comina a aclarar se ten pensado facer algo para evitar ou corrixir a situación actual.
Na proposición non de lei presentada no Parlamento español a finais do ano pasado ínstase ao Goberno central a ampliar os coeficientes redutores da idade de xubilación do persoal do sector e a recoñecer por lei a incapacidade total das persoas traballadores diagnosticadas con silicose de primeiro grao que non poidan acceder a outro posto libre de po dentro da mesma empresa.
Incremento progresivo dos casos
Segundo o informe do Instituto Nacional de Silicosis sobre situación no sector feito público o ano pasado, entre 2008 e 2019 diagnosticáronse no conxunto do Estado español un total de 2258 casos de silicose, dos que 833 foron detectados en Galiza. Os datos amosan un incremento progresivo dos casos rexistrados no noso país, pasando de representar o 25,37% dos casos contabilizados no Estado en 2008 ao 42% en 2019. Esta cifra mesmo chegou a representar o 47,5% en 2017, polo que case a metade dos casos detectados no Estado corresponden a Galiza. Ademais, é especialmente alarmante o número de persoas en activo diagnosticadas: 67 casos de 92 corresponden a persoas en activo, o 72,82%.
Nas conclusións do informe faise constar tamén outras informacións alarmantes a respecto de cuestións que teñen alta incidencia en Galiza, salientando os casos detectados ao persoal activo en primeira revisión, o que o propio INS atribúe a unha falla da debida aplicación da vixilancia sanitaria. Do mesmo xeito, alúdese á reducida media de anos de vida laboral (21,1) dos enfermos do sector das marmorerías, cunha grande implantación no noso país.