A CIG-Construción desmente que 280.000 traballadores/as do sector pasen a indefinidos coa nova reforma laboral
A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG cualifica de “auténtica falacia” as informacións que apuntan a que arredor de 280.000 traballadores/as temporais do sector pasarán a ser indefinidos/as grazas á nova reforma laboral, ao tempo que critica a creación dun novo tipo de contrato temporal cunha duración determinada dun máximo de seis meses por circunstancias da produción “que apuntala máis a precariedade”.
Dende a FCM critican que o Goberno español “estea a vendernos” que coa reforma asinada polos sindicatos estatais UGT e CCOO e pola patronal os empregados/as do sector van a pasar a ser indefinidos/as de pleno dereito, “xa que a transformación de contratos vai supoñer unicamente un cambio de denominación, pois a temporalidade vinculada á duración da faena vai ser a que marque a duración real do posto de traballo”.
A transformación de contratos vai supoñer só un cambio de denominación, pois a temporalidade vinculada á duración da faena vai ser a que marque a duración real do emprego
Inciden ademais que a nova reforma inclúe causas inherentes ao traballador/a ao remate da obra en execución, “o que na práctica supón que o persoal poida autodespedirse, promocionando aínda máis a temporalidade”. Dende a central sindical pregúntanse quen se quererá autodespedir ao finalizar unha determinada tarefa, polo que consideran que se trata dun xeito de “camuflar” a temporalidade con cargo aos empregados/as, “aínda por enriba disfrazándoa de baixa voluntaria, iso si, minimamente incentivada”.
No concreto, unha persoa traballadora con contrato indefinido no sector da construción ao ser despedida tería dereito a unha indemnización do 7% do seu salario, unha media de 25 días por ano traballado, cando antes da reforma do 2012 esta cantidade ascendía aos 45 días e a 33 até a aprobación da última reforma. “Deste xeito vemos como se continúa a abaratar os custes do despido para as empresas”, censuran.
Ademais, sosteñen que se a persoa traballadora remata a obra e quere seguir a traballar na empresa deberá optar a outra obra no caso de que a haxa dentro da provincia, “reciclándose, cunha formación bonificada impartida pola fundación tripartita na que estarán os sindicatos estatais UGT e CC OO, casualmente (ou non) asinantes do acordo”.
Novo contrato temporal
Dende a FCM lembran que os contratos de obra, cuxo inicio foi neste sector, estendéronse a practicamente todos os sectores, “tendo como consecuencia que dentro da UE sexamos o Estado cun emprego máis inestábel e cunha taxa de temporalidade autenticamente aberrante, que especialmente impacta con máis forza no noso país”.
Pois ben, coa nova reforma laboral créase un novo tipo de contrato temporal cunha duración determinada dun máximo de seis meses por circunstancias da produción “que apuntala máis a precariedade”.
Por todo isto, na central sindical afirman que a temporalidade “seguirá a ser o día a día dos traballadores/as do sector da construción” e anuncian que continuarán coas campañas de información e mobilización “até que se consiga a derrogación real das reformas laborais, entendendo que os cambios de nomenclatura e as manobras de maquillaxe non van a supoñer ningún cambio real, senón todo o contrario: a precarización até límites insospeitados dun sector castigado historicamente e dunha dureza extraordinaria”.