A CIG-Construción de Ourense mobilízase na empresa que executa as obras do AVE para denunciar explotación e falta de seguridade
A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG de Ourense levou a cabo hoxe unha concentración diante da sede da Unión Temporal de Empresas (UTE) que está a executar un dos tramos do AVE na provincia, Construcciones Sánchez Domínguez Sando y Rover Infraestruturas (Sando y Rover), para denunciar a situación de explotación e a falta de seguridade que padecen as persoas traballadoras destas obras, o que ten provocado xa varios accidentes graves e mesmo mortais.
Dende a FCM-CIG insisten en que as malas condicións e o exceso de xornada son habituais no sector, aínda que esta problemática afecta especialmente a un tramo do AVE -entre Taboadela e o túnel de Rante- no que en cuestión de 15 días rexistráronse tres accidentes laborais, un deles con resultado de morte.
Segundo sinala a secretaria comarcal da FCM-CIG de Ourense, Melanie Arias, as persoas empregadas destas obras están sometidas a incumprimentos en materia de xornada e das súas condicións laborais, así como a vulneracións da normativa en materia de seguridade e saúde. “E todo isto coa permisividade das administracións, que fan a vista gorda a todo o que está a acontecer a pesar de que se trata dunha obra pública, polo que terían que velar polo cumprimento da lexislación laboral e pola protección dos cadros de persoal”.
En consecuencia, dende a central queren deixar moi claro que continuarán coas denuncias e coas mobilizacións na defensa dos dereitos das persoas traballadoras do sector “mentres continúe a explotación e a alta sinistralidade”.