A CIG consolídase como primeira forza nas residencias privadas de Ferrolterra
Tras os resultados obtidos nas eleccións celebradas no día de onte en DomusVi Ferrol, nas que a CIG logrou 6 de 9 representantes, a central nacionalista consolídase como a primeira forza sindical no sector das residencias privadas na comarca ao facerse con 37 delegadas fronte ás 6 que ten UGT e á única representación obtida por CCOO.
Deste xeito, a CIG convértese na forza maioritaria en DomusVi Laraxe (Cabanas), DomusVi Narón, O Casón, Centro de día Afago Asistencia, Residencia Mensajeros de la Paz-Mi Casa e agora tamén en DomusVi Ferrol.
Nas eleccións realizadas onte neste centro, a candidatura da CIG recibiu 59 votos mentres que a lista de UGT sacou 33 votos e 3 delegadas. Con este resultado a CIG consegue 6 delegadas, é dicir a maioría absoluta do comité, e duplica o número de representantes logrados hai catro anos.
Para a CIG estes resultados avalan o traballo sindical realizado neste tempo no sector, marcado con especial intensidade nos centros xestionados por DomusVi polas continuas denuncias xudiciais contra a represión sindical, a imposición de carteleiras abusivas, os incumprimentos do convenio así como as mobilizacións pola sobrecarga de traballo ou en resposta ás actitudes despóticas da dirección.
A CIG-Servizos agradece a confianza depositada polas traballadoras e traballadores nas súas candidaturas e reafirma o compromiso na defensa dos dereitos e na loita pola mellora das condicións de traballo nun sector considerado esencial pero no que a explotación e os abusos laborais son práctica habitual.
Este resultado dáse ademais nun momento de conflito no sector e coas traballadoras mobilizadas na demanda dun convenio colectivo digno fronte á insuficiente proposta da patronal, que agora por enriba ten bloqueadas as negociacións.