A CIG considera “intolerábel” que a única alternativa de Rajoy sexa manter as reformas que provocaron o empobrecemento das pensións
A CIG considera que a intervención de Mariano Rajoy esta mañá no Congreso dos Deputados é “insultante” porque fai “ouvidos xordos” ao clamor social en demanda de pensións dignas. Así o valora o secretario xeral, Paulo Carril, para quen é “indecente” que o Presidente do Goberno do estado español afirmara que durante os seus anos de mandato non houbo recortes nesta materia; que ligara calquera mellora a que lle aproben os Orzamentos Xerais do Estado e que manteña inamovíbeis as sucesivas reformas, nomeadamente as impostas en 2011 e 2013. “Se xa tiñamos sobradas razóns para mobilizármonos, con esta intervención hainas aínda con máis forza para reclamar unhas pensións dignas”.
Carril lembra que coas reformas de 2011 e 2013 –que a CIG contestou con mobilizacións na rúa e mesmo cunha folga xeral- introducíronse recortes tremendamente regresivos dirixidos a dificultar o acceso as pensións públicas e a rebaixar as súas contías: nomeadamente o atraso da idade de xubilación; o aumento dos anos de cálculo para o cómputo da base reguladora; o incremento do número de anos para cobrar a pensión completa; desligar as subas anuais do IPC oficial e a introdución do chamado factor de sostibilidade.
Tendo isto en conta denuncia tamén a “aquelas organizacións sindicais que lles están facilitando ao PP o acordo, para que calquera incremento de salarios ou de pensións se desligue do IPC e se vincule á evolución do PIB, como no caso do Acordo para a Mellora do Emprego Público e de Condicións de Traballo”, porque no caso das pensións xa se ven as consecuencias que unha reforma semellante tivo.
Medidas, todas as anteriores, que o secretario xeral da CIG afirma que tiveron -e terán aínda máis- graves consecuencias porque provocaron unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas e que xa están ocasionando que as galegas e galegos que acceden agora á xubilación o fagan percibindo contías inferiores a quen accederon en anos anteriores.
Por iso considera que é “indecente que Rajoy saia alardeando da eficacia das reformas cando, “nun país como o noso o 65% das pensións galegas están por debaixo da mínima, cando as pensións das mulleres galegas, que teñen unha fenda superior ao 37%, son dunha media de 605 € -ou 559€ se son viúdas- e as dos homes 958€”.
Carril asegura que “mentres non haxa derrogación desas reformas é imposíbel falar de pensións dignas, porque a esta situación chegamos precisamente como consecuencia delas e dunha política económica que xera pobreza e explotación laboral”.
O secretario xeral da CIG cuestiona tamén os resultados da política económica do PP que expuxo Rajoy no decurso da súa intervención. “Como garantía do incremento de recursos para a caixa da Seguridade Social hai que ir a unha política económica que xere emprego digno e con dereitos e máis cotizantes á Seguridade Social pero estase a facer o contrario: crear emprego temporal e precario con cotizacións á Seguridade Social cada vez máis baixas”.
Ademais, fronte os datos que utilizou o presidente do goberno español para tratar de demostrar que o sistema de pensións é dos mellores da UE, Carril lembra que “o gasto público en materia de pensións no Estado español, medido en función do PIB é dos máis baixos da UE situándose por debaixo de países como Italia, onde está no 15,8%, ou en Portugal, onde está no 13%.
“Intolerábel” ligar calquera avance á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado
O secretario xeral da CIG cualifica de “intolerábel” que Rajoy eludira avanzar hoxe calquera medida para dar resposta ás/aos pensionistas que se están mobilizando emprazando ao resto de formacións políticas no Congreso a tratar as cuestións referidas a pensións ao debate dos Orzamentos Xerais do Estado.
Nese sentido o secretario xeral da CIG considera que é un intento de desviar a atención do problema real que é dar resposta a demanda de pensións dignas e ao progresivo desmantelamento do sistema público de pensións. “Foron as políticas económicas do PSOE, no seu día, e as do PP nestes anos as que están poñendo en cuestión o sistema público de pensións e xa estamos vendo os resultados. Unha das manifestacións dese desmantelamento do sistema público de pensións é o deterioro do seu poder adquisitivo, a imposibilidade de que estean ligadas ao IPC e poidan revalorizarse de acordo co custe real da vida”.
Alternativas
Carril explica que, para a CIG é imprescindíbel a creación de emprego estábel e en condicións dignas, con salarios xustos porque isto “constitúe o mecanismo prioritario para dotar de recursos suficientes o sistema de pensións presente e futuro, ao contrario xusto do tipo de emprego creado nos últimos anos”.
Asegura ademais que as cotizacións sociais deben servir para financiar o nivel contributivo das pensións, incluíndo dentro das mesmas a pensión de orfandade e viuvez, mentres que o nivel non contributivo e asistencial debe financiarse a través dos orzamentos do Estado que “sempre será o responsábel , vía transferencias orzamentarias, de cubrir calquera déficit que se poida producir no sistema, incluídas as pensións contributivas”.
Por iso conclúe que “calquera solución pasa, en todo caso, pola derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións de 2011 e 2013; rematar coas tarifas planas e bonificacións das cotizacións á seguridade social e articular medidas que garantan, de verdade, a viabilidade do sistema público de pensións”.
Mobilizacións
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG ten convocadas para mañá xoves, mobilizacións en cidades e vilas precisamente en defensa do sistema público de pensións e en demanda de que se garanta o seu poder adquisitivo.
Lugares e horarios das mobilizacións
-A Coruña: Obelisco, 11:30h
-Cee: Praza do Concello, 12h
-Boiro: Praza do Concello, 11h
-Santiago: Praza de Galiza, 19:30h
-Ferrol: Praza Amada García (edificio Xunta), 12h
-As Pontes: Praza do Concello, 19:30h
-Pontevedra: Praza da Peregrina, 19:30h
-Lalín: Praza da Igrexa, 19h
-Vigo: A Dobrada, 18h
-Lugo: Praza Maior, 19h
-Ourense: Subdelegación do Goberno, 18:30h
-Burela: Praza da Mariña, ás 19