A CIG considera insuficientes as medidas aprobadas polo Consello de Ministros ante a carestía da vida
A CIG considera o paquete de medidas aprobadas onte polo Consello de Ministros insuficientes para frear os efectos devastadores dos altos prezos. A central sindical demanda que, fronte a isto, se articulen políticas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos para evitar que se agudice o empobrecemento xeneralizado que está a padecer a clase traballadora.
O secretario xeral, Paulo Carril, advirte que “canto máis tarde o goberno en poñer en marcha estas medidas, que tampouco introduciu nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2023, máis profunda será a ferida social provocada pola descontrolada suba de prezos”. Neste sentido, sinala que resulta inxustificábel deixar á marxe da rebaixa do IVE produtos básicos para a alimentación como o peixe e a carne, “que son alimentos de moi importante consumo na sociedade e claves no tecido económico galego”.
Advirte das consecuencias que terá para as economías familiares a supresión do desconto no prezo dos carburantes ou non conxelar para todo o 2023 a suba dos prezos dos alugueiros e hipotecas.
Critica ademais que, como alternativa, se limite a aprobar un cheque que non é máis que un parche que deixa fóra a moitas familias. “Dos gobernos non necesitamos beneficencia, senón que recoñezan o dereito a termos uns ingresos dignos (incremento do SMI, Renda de Inserción Laboral…), o que é incompatíbel co pacto de rendas que pretenden aprobar”
Tarifa eléctrica galega e SMI en 1.197 euros/mes
Por iso, diante da grave situación económica, o secretario xeral da CIG reitera a demanda da central sindical dunha intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos, como leva meses demando dentro das “10 Medidas contra a carestía da vida, a crise e a pobreza”, e que lembramos pasan por aprobar un verdadeiro Plan de Choque no que se contemplen medidas como a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega; fixar o SMI en 1.197€/mes como recomenda a Carta Social Europea ou o recoñecemento do dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos e a recuperación do dereito á xubilación parcial aos 61, como medida de creación de emprego.
Isto xunto a adopción de medidas para evitar a pobreza enerxética; prezos máximos da gasolina e diésel; a prohibición de desafiuzamentos durante 2022 e 2023; o incremento do parque público de vivendas sociais; a conxelación das rendas de alugueiro e das cláusulas nas hipotecas ou que se aprobe unha renda de Inserción laboral e Social.
Canda isto, a CIG reclama que se prohiba simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte; garantir o cobro, durante todo o ERTE, do 70% do salario, completando as empresas até o 100%; que o tempo de desemprego por aplicación dese ERTE non se entenda consumido e que se derrogue a reforma laboral de 2012.