A CIG considera insuficiente o financiamento do SAF pactado pola Xunta coa FEGAMP
A CIG-Servizos considera insuficiente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que veñen de pactar a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), xa que como máximo alcanzará os 18 euros por hora en 2028. O acordo estabelece unha subida progresiva de 16 euros/hora en 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros en 2028, “cando o custe real do servizo a día de hoxe ronda os 24 euros/hora”.
De xeito que estas cantidades non permitirán garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para o persoal dun sector que segue sen poder negociar o convenio colectivo “pola negativa das patronais e a complicidade da Consellaría de Política Social”.
Ao mesmo tempo, as diferenzas entre os prezos do SAF acordados e os reais terán que seguir sendo apostadas polos Concellos, “o que afondará na situación económica deficitaria que atravesan a maioría das arcas municipais ao ter que soportar parte do custe dun servizo público esencial”.
Diante disto, a CIG reitera a súa aposta por un servizo público baixo a xestión directa da Administración autonómica “para garantir unha prestación de calidade ás persoas usuarias e respectuosa cos dereitos das persoas traballadoras”.
Protocolo contra a violencia
Por outra banda, tras as reiteradas solicitudes da CIG, a FEGAMP vén de convocar para o 28 de xaneiro en Santiago ás 10:00 horas a xuntanza da comisión de traballo encargada da elaboración dun protocolo para a prevención da violencia no SAF. No encontro abordarase o segundo borrador remitido polo ISSGA despois as organizacións representadas na mesa de traballo, entre elas a propia central sindical, fixesen as súas achegas.
Tras unha primeira análise, a CIG detectou que o documento non contempla as medidas garantistas propostas pola central sindical, “así como tampouco que as persoas traballadoras non teñan repercusión económica e/ou contractual no momento de abandonar ou suspenderse un servizo no que se produza un incidente violento”. Tampouco permite o dereito de consulta e participación da representación legal das persoas traballadoras nin das delegadas de prevención de riscos en caso de terse que aplicar o protocolo.
Polo que a CIG aproveitará a reunión para trasladar a necesidade de que se teñan en conta estas cuestións á hora de elaborar o protocolo definitivo, así como para instar á negociación urxente dun convenio colectivo que garanta os recursos necesarios para implementar o protocolo e garantir os dereitos das persoas traballadoras.