A CIG considera a condena a Lula un novo golpe contra a democracia no Brasil
A CIG manifesta o apoio e a solidariedade ao ex-presidente do Brasil, Lula da Silva, e considera que a condena en segunda instancia polo Tribunal Regional Federal da Cuarta Regiao (TRF-4) en Porto Alegre, ditada no día de onte, supón un paso máis no proceso golpista que se iniciou ao derrocar polo impeachment á Presidenta Dilma Rousseff, elixida lexitimamente por máis de 54 millóns de votos no 2014, para poñer no seu lugar a Michel Temer.
A central sindical ten denunciando en numerosas ocasións que o obxectivo deste golpe non era outro que aplicar as políticas neoliberais e privatizadoras, defender os intereses da oligarquía, e colaborar cos intereses colonizadores externos, especialmente dos Estados Unidos. Nesta ocasión, o principal obxectivo é evitar a candidatura de Lula ás vindeiras eleccións presidenciais, para as que as enquisas lle darían un amplo respaldo popular.
A CIG amosa a súa solidariedade ao propio Lula e mais a todas as organizacións políticas e sindicais que se posicionaron desde o principio no “Fóra Temer”, condenaron os golpes xudiciais contra a Presidenta Rousseff e o candidato máis popular, e que chamaron a que o pobo a se mobilizar para paralizar estes procesos, a manifestarse na defensa da democracia e contra o intervencionismo das grandes potencias defensoras do capital, e para retomar as políticas feitas na defensa da xente máis necesitada e da clase traballadora.
"Unhas eleccións presidenciais nas que se impedira que Lula se presente serían unha fraude e agardamos que, entre a prolongación que poida haber polos recursos ao proceso, máis a mobilización masiva da cidadanía brasileira nas rúas, o Brasil poida ter de novo a Lula como Presidente lexitimamente elixido para as maiorías das clases populares", engade o responsábel do Departamento de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera.
Un proceso xudicial sen rigor
A respecto do xuízo a Lula, hai que lembra que, xa desde a primeira instancia, este proceso foi levado sen ter en conta os principios básicos xurídicos, sen que foran presentadas probas de que o famoso “triplex” sexa da súa propiedade ou estivese en posesión do ex-presidente, que non hai nada que demostre que beneficiou á empresa en cuestión e de que, tal e como denunciou a defensa, estanse a violentar dereitos fundamentais na campaña orquestrada contra el: privación de liberdade, escoitas telefónicas ilegais, filtración de correspondencia, interceptación das comunicacións cos seus avogados, presunción de culpabilidade desde o comezo e sen probas.
Son múltiples as opinións de prestixiosos/as xuristas do Brasil e internacionais que cuestionan o rigor e a validez do proceso, e que o asocian a un xuízo político, sen probas, con ausencia de xuíces imparciais e sen un proceso limpo e xusto. E a todo isto, hai que sumar a desproporcionada campaña mediática levada a cabo polos principais medios do país, totalmente difamadora e executando un xuízo paralelo condenatorio. É a mesma estratexia que eses medios, en mans das elites capitalistas, levaron a cabo en tempos pasados, como foi no caso de Getúlio Vargas ou de Joao Goulart, tamén vítimas de campañas difamatorias no seu día que posibilitaron outros golpes contra o país, nese caso, militares.
Un golpe contra os intereses das maiorías sociais
O golpe actual ten unha folla de ruta clara, que é a de implementar un violento proxecto de recolonización do Brasil, que inclúe a destrución dos dereitos da clase traballadora e a defensa dos intereses do capital transnacional, pois desde que Temer accedera á presidencia, xa están en proceso de venda os principais sectores estratéxicos do país, e o desmantelamento dos servizos públicos e as políticas socias impulsadas polos gobernos de Lula e Dilma. Neste senso cómpre lembrar que actualmente están en discusión no Congreso Nacional a Reforma da Previdençia Social e a privatización de Electrobras, e xa foi consumada a de Petrobras .
É por iso que, nese proceso, non lles vai tremer o pulso á hora de recortar dereitos, cuestionar a democracia e perseguir e criminalizar calquera tipo de resposta que se leve a cabo contra estas políticas por distintos líderes ou organizacións.
Tal e como a CIG ten denunciado noutras ocasións, esta cadea de golpes e actos ilexítimos forma parte dunha estratexia rexional, que ten como obxectivo estigmatizar, perseguir e proscribir aos lideratos dos procesos emancipadores de América Latina e O Caribe, minando ademais as posibilidades dunha integración rexional soberana e solidaria. Esta persecución política lévase a cabo pola concertación do poder mediático e económico, concentrado cun sector do poder xudicial e a inxerencia sostida da diplomacia estadounidense no continente.
Lula, un referente xurdido da organización popular
Lula Da Silva non é só un ex-presidente ou o líder do PT. É tamén un referente xurdido da organización popular e do sindicalismo e que, coa súa articulación política, permitiu a millóns de brasileiros/as saír da fame e a miseria máis desapiadada. Asemade foi, xunto con Hugo Chávez e Néstor Kirchner, un dos principais arquitectos políticos da integración rexional, impulso do que xurdiu a UNASUR, a CELAC e ampliouse o MERCOSUR, fortalecéndose nos seus aspectos socias e de dereitos humanos. Todo isto conseguiu evitar o proceso de anexión económica e catástrofe social impulsado daquela polo neoliberalismo.
Liquidar a resistencia social á dominación do grande capital a través do axuizamento e encarceramento das súas figuras máis representativas é hoxe o obxectivo central das elites.
Isto representa un evidente retroceso democrático que violenta os dereitos humanos, atentando contra toda posibilidade de organización e representatividade que se opoña á orde inxusta imposta polas minorías.
Por todo iso, dende a CIG, desde a Galiza, todo o noso apoio e solidariedade para que se restaure a democracia e a soberanía no Brasil.