A CIG consegue arrincar á Xunta un acordo que mellora as condicións laborais do persoal das brigadas contra incendios
Despois de tempo loitando para que se abrira a mesa de negociación polo acordo de condicións de traballo dos compañeiros e compañeiras do servizo de incendios forestais de Galiza, por fin a administración convocaba unha primeira xuntanza con Funcion Pública o pasado día 8 de febreiro e a Mesa Xeral este luns. Con esta negociación a CIG consegue un acordo de condicións laborais para o persoal funcionario e laboral tal e como viña demandando.
Para a CIG-Administración Autonómica era esencial que os dereitos laborais atinxiran a todo o persoal independentemente da súa relación xurídica coa consellaría e do tempo de duración do contrato. Segundo explica Zeltia Burgos, responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, nun principio a administración pactou coas outras organizacións sindicais que só fora para prazas de persoal funcionario e “grazas á presión mobilizadora conseguimos que se acollera a todo o persoal”. Isto é, en lugar de 700 traballadores e traballadoras aos 2.200 que compoñen todo o servizo en alto risco.
Xunto a isto, conseguiuse un sistema de quendas sen posibilidade de alongamento de xornada, como se estaba facendo até o de agora no servizo. “Deste xeito, establécese un sistema de quendas de 10 horas e unha semana tres días e a seguinte catro, con libranzas no medio, cun mínimo 2 días ininterrompidos, para posibilitar o descanso e minimizar os riscos asociados a un traballo tan perigoso como o de extinción de lumes forestais”, explica, ademais dun maximo de 26 quendas de fins de semana que serán alternas e a metade dos festivos, considerando como tal o 24 e 31 de decembro.
Tamén se contempla un plan de mellora das instalacións. “Hai que ter en conta que se traballas 10 horas seguidas tes que ter un lugar en condicións para poder xantar ou cear”. Vaise compensar, ademais, o traballo en domingos ou festivos cunha cantidade económica. As vacacións e permisos gozaranse nos días que se teña asignada quenda de traballo “para evitar a barbaridade de que che poñan vacacións en día libre como ten feito a Xunta” e establecerase unha compensación de 5 días adicionais para compensar o exceso horario.
Porén Burgos destaca que "quedan moitas cousas abertas e non podemos dicir con iso que estamos plenamente satisfeitos co resultado da negociación, produto por unha banda das presas de “ultima hora” e, pola outra, da actitude do resto das organizacions sindicais ás que xa lle valía o primeiro borrador".
Nese sentido, subliña que as franxas horarias, as funcións específicas ou o reparto das tarefas ordinarias dentro de quenda "non se regulan neste acordo" e que tamén queda fóra a compensación en tempo de descanso, como si se tiña no VCCU "para este traballo tan perigoso onde a fatiga acumulada aumenta o risco laboral de accidente".
Respecto do plan formativo que se viña demandando, será impartido polas escolas de administración pública ou a academia galega de seguridade, dentro dun plan negociado.
Campaña electoral
Con todo, Burgos afirma que levaban parados os contactos coa consellaría para preparar o borrador do acordo desde o mes de novembro, que se activaron daquela grazas á mobilización. “Cada vez que a CIG fixo propostas apoiadas por mobilizacións se produciron movementos de convocatorias e de avance nos dereitos laborais e na loita contra a precariedade xa que parte dos contidos foron asumidos polas outras organizacións sindicais e pola administración, o que confirma o acerto das propostas do noso sindicato”, subliña.
A CIG-Administración Autonómica advirte de que vixiará o cumprimento de todos e cada un dos puntos recollidos no acordo, mais tamén de que o anuncio electoral do Presidente en funcións de alongar o tempo de traballo de 6 a 9 meses sexa xa unha realidade en 2024. Cuestión respecto á que denuncia que “esta promesa electoral non foi introducida no comité intercentros para facela real”.