A CIG consegue a maioría absoluta nas eleccións sindicais en tendas GADIS da Coruña
A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas este mércores, día 21 de xuño, en tendas GADIS (Mercartabria SLU) da provincia da Coruña, con 984 votos en especialistas que se traducen en 14 delegadas e delegados no comité de empresa. Fronte a isto, USO obtivo 315 votos e 4 representantes en especialistas, ademais de 2 representantes en técnicos; CCOO, 242 votos e 3 representantes e a UGT, 138 e 2 representantes.
A central sindical valora moi positivamente estes resultados porque supoñen un recoñecemento masivo do persoal ao único sindicato que realmente defende os seus intereses e deixa aos outros sindicatos cunha representación simbólica, castigando así a súa atituyde colaboracionista coa empresa.
O apoio das traballadoras e traballadores implica tamén o recoñecemento ao papel desenvolvido pola CIG na negociación do convenio, no que o sindicato nacionalista acadou unha suba salarial moi superior á de convenios anteriores e melloras nas condicións laborais ao conseguir que, por primeira vez se recoñecera o dereito a gozar de libranzas os sábados. Un convenio que, logo de moitos anos, se asinou porque satisfacía moitas das demandas do persoal.
O persoal premiou tamén o asesoramento continuo e a independencia da CIG das directrices da empresa, sendo o único sindicato que lle planta cara.
Maioría tamén no GADIS Hiper de Carballo
A CIG salienta ademais os resultados obtidos no GADIS Hiper de Carballo, a tenda máis grande do grupo e con comité propio, onde tamén se conseguiu a maioría absoluta no colexio de especialistas en votos.
A CIG-Servizos agradece a todas as traballadoras e traballadores a confianza depositada, que supón un claro respaldo a súa liña sindical e comprométese a continuar defendendo os dereitos do conxunto do persoal como viu facendo todos estes anos de traballo incansable.