A CIG conmemorará o Día da Clase Obreira Galega con mobilizacións en todas as comarcas
Desde o ano 1972, o sindicalismo nacionalista celebra o 10 de Marzo, Día da Clase obreira Galega. Nesta data conmemoramos as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972 durante as que foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel.
Loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo, e que meses despois se estenderon a Vigo, pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza.
Este ano 2023 chamamos a facer do 10 de Marzo unha xornada de mobilización en todas as comarcas de Galiza ante as amezas que temos por diante e ante a necesidade de continuar na resposta fronte a grave crise actual.
As medidas postas en marcha polo Goberno español e galego resultan insuficientes, e mesmo inexistentes, mentres o capital está tirando proveito da carestía da vida, obtendo millonarios beneficios a conta do saqueo ao pobo traballador e as maiorías sociais. Velaí os históricos beneficios da banca e das empresas enerxéticas.
Nesta realidade vemos que as previsións van noutra dirección: aprobar unha nova reforma das pensións, aumentando a 30 anos o período de cálculo, que suporá un novo recorte das contías de entre un 6% e un 8%, como o propio Banco de España recoñece.
Aprobar a 30 os anos para o cálculo da pensión, mantendo a reforma de 2011, fai medrar a caída progresiva da contía das pensións que vimos padecendo nos últimos anos por causa da ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e do aumento do período de cálculo do 15 aos 25 anos. Unha caída das pensións xeneralizada que no caso das mulleres afondaría máis a fenda de xénero, que na actualidade xa é dun 34%.
Cómpre denunciar que co ano 2022 pechado e cos datos oficiais, a pensión media en Galiza é de 930€ mensuais, 150€ por debaixo do SMI, cando no Estado español a media está en 1.089€. No caso das mulleres a diferenza agrávase, chegando a ser uns 350€ inferiores.
Aprobar esta reforma seguirá obrigándonos a retrasar máis a idade de xubilación e contribuirá a que se creen menos postos de traballo, a que haxa máis paro xuvenil e máis emigración.
Goberne quen goberne, as pensións deféndense! Temos claro que todas estas reformas e os duros ataques dos que é obxecto o sistema público son polo interese do capital de facer negocio, atemorizando a poboación coa quebra do sistema para que a súa capacidade de aforro se dirixa aos fondos privados de pensións.
Desde a CIG levamos anos denunciando todas estas reformas e respondendo con mobilizacións e con folgas, como fixemos en xaneiro de 2011. A Seguridade Social é unha conquista histórica da clase traballadora e a defensa do sistema público de pensións é un dereito irrenunciábel que debemos manter a toda costa.
O grave desta reforma das pensións é que ten lugar nun contexto marcado pola elevada carestía da vida, o empobrecemento xeneralizado dos salarios, o secuestro da negociación colectiva pola Patronal e os chamamentos a un Pacto de Rendas que ten como obxectivo impor a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios.
Esta nova reforma das pensións súmase á última reforma laboral coa que nin recuperamos nin gañamos dereitos, como consecuencia de sacar adiante unha regulación laboral sen derrogar a de 2010 e 2012. Son as dúas caras da mesma moeda, toda reforma laboral vén acompañada dunha das pensións e viceversa.
O avance da dereita e da ultradereita cómpre confrontalo e non alimentalo facendo as mesmas inxustas políticas económicas de recortes que eles fan onde gobernan. No caso galego temos o exemplo, todas estas políticas son máis instrumentos que veñen favorecer as nefastas políticas do PP en Galiza.
Por todas estas razóns, estamos chamados e chamadas a nos mobilizar ante a patronal e ante os Gobernos diante da necesidade de dar resposta a unha realidade económica e social extrema que está a ter un impacto brutal no conxunto das maiorías sociais, por moito que a disfracen con propaganda e por moito que a encubran no diálogo social, con CCOO e UGT.
Na nosa man e na nosa capacidade de mobilización está parar esta reforma das pensións, está poder avanzar na defensa dos servizos públicos, na recuperación económica, na industrialización e na creación de emprego digno na nosa terra.