25 de Novembro: Traballo digno e sen violencias
"Traballo digno e sen violencias" é o lema baixo o que a secretaría das Mulleres da CIG conmemora este 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Unha campaña a través da que se pretende denunciar a actitude de permisividade da patronal ante as situacións de acoso que padecen moitas mulleres nas súas empresas, chegando mesmo a ser utilizadas como mecanismo coercitivo coas traballadoras.
A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, e a secretaria comarcal das Mulleres da CIG da Coruña, Margarida Corral, compareceron este luns en rolda de prensa para presentar a campaña e os actos convocados pola central nacionalista para o 25 de Novembro. Así, Castro explicou que o próximo venres terá lugar o X Encontro nacional de mulleres da CIG no salón de actos do edificio sindical da Coruña, no que participarán delegadas de todo o país para debate e marcar a acción sindical en materia feminista.
Ao remate do encontro, ás 12:00 horas, as delegadas sairán en manifestación dende o local sindical até a sede da Confederación de Empresarios/as na Praza de Luís Seoane. Sobre a escolla do lugar de remate da mobilización, Castro puntualizou que "neste 25 de Novembro, unha vez máis, seguimos insistindo en que é responsabilidade das empresas poren os medios para evitar as situacións de violencia machistas no traballo. É cuestión de vontade cumprir e facer cumprir a lexislación existente". De aí, engade, que o lema elixido este ano sexa "Traballo digno e sen violencias".
Dereito a traballar sen violencia e acoso
Neste senso, a secretaria das Mulleres da CIG lembra que a partir de xuño do 2023 será de obrigado cumprimento o Convenio nº 190 da OIT. "É o primeiro tratado internacional que recoñece o dereito de toda persoa traballadora a desenvolver a súa actividade libre de violencia e acoso e que inclúe de xeito expreso a violencia e o acoso por razón de xénero", indica. Con esta norma refórzase a obriga xa introducida pola Lei de Igualdade de 2007, de contar en todas as empresas con procedementos específicos para a prevención e actuación ante o acoso e incorporando aos mesmos todo tipo de violencias.
Mais para que os protocolos non fiquen en papel mollado, "animamos a todas aquelas persoas que poidan estar expostas ou ser coñecedoras dunha situación de acoso ou violencia no traballo, a que acudan ao sindicato para asesorárense a fin de combater esta situación".
Porque con esta campaña, a CIG quere pór de manifesto unha cuestión fundamental: que hai un forte vínculo entre as condicións de traballo das mulleres -que non melloraron tras unhas e outras reformas laborais-, "e a consideración e respecto que merecemos como persoas".
"Non é casual, apunta Castro, que as mulleres padezamos as maiores taxas de desemprego, os salarios máis baixos, os traballos a tempo parcial... a precariedade é a norma nos traballos desempeñados maioritariamente por mulleres". Advirte que as condicións de traballo e vida das mulleres empeoraron após da pandemia tendo en conta que as normas laborais que non actúan sobre a precariedade que caracteriza os sectores máis feminizados, que os servizos sociais e de saúde están cada vez máis deteriorados, ou que sufrimos un aumento insoportábel dos prezos nos produtos máis básicos (alimentos, enerxía nos fogares...).
Por tanto, reitera que "temos que reaxir e dar resposta nestas dúas vertentes: demandar condicións de traballo e de vida dignas e exixencia do dereito a unhas relacións interpersoais sen violencias, tamén no ámbito laboral".
A Secretaría das mulleres leva anos traballando pola erradicación das condutas machistas no ámbito laboral "e sabemos que só co feminismo de clase, coa forza das mulleres na organización sindical, estaremos en condicións de combater todas as formas de violencia machista exercidas no traballo. Desde a CIG non imos consentir que as empresas exerzan ou consintan a violencia contra as mulleres", concluíu.
Actos da CIG convocados para o 25N
-10:30h. Décimo Encontro Nacional de Mulleres da CIG, no salón de actos do edificio de sindicatos da Coruña (Avda. Alfonso Molina, 90). Este encontro, no que participarán delegadas e afiliadas de todo o país, é unha ferramenta de concienciación feminista e para a organización da acción sindical desde esta perspectiva. Na busca dunha maior proximidade coas compañeiras das diferentes comarcas, este ano a secretaría decidiu descentralizar a convocatoria nacional do Encontro, que até agora sempre se veu celebrando en Compostela.
-Ás 12h, manifestación dende o edificio de sindicatos até a sede da Confederación de Empresarios/as na Praza de Luís Seoane. A marcha discorrerá por Matogrande e a Avenida Salvador de Madariaga.
Mobilizacións do feminismo galego
A secretaría das Mullleres da CIG CIG fai un chamamento tamén a participar tamén nos actos que o movemento feminista galego, nomeadamente a Marcha Mundial das Mulleres, ten convocados por toda Galiza na tarde do 25 de novembro.
→ A Coruña, 20h no Obelisco.
→ A Estrada, 20:30h Praza do Concello
→ As Pontes, 19:30h Praza do Hospital
→ Betanzos, 20:30h detrás do palco da música
→ Carnota, 19:30h Praza da Pedra
→ Cee, 20h na Praza 8 de marzo
→ Compostela, 20h Praza 8 de marzo
→ Lalín, 20:30h Praza da Igrexa
→ Lugo, 20h diante da Subdelegación do Goberno
→ Narón, 19:30h Praza da Gándara
→ Noia, 20:30h diante do Concello
→ O Porriño, 20h Praza do Concello
→ Ordes, 20:30h Alameda
→ Ourense, 20h Castañeira
→ Ponteceso, 20h Praza do Recheo
→ Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
→ Ribadavia, 20h Praza Maior
→ Val Miñor, 20h no Cruce da Ramallosa
→ Vigo, 20h Vía Norte
→ Vilagarcía, 20:30h Praza de Galiza
→ Vilalba, 20:30h na Praza da Constitución