A CIG condena o golpe de estado que se ten consumado en Bolivia
A CIG condena o golpe de estado que se ten consumado no Estado Plurinacional de Bolivia contra o seu presidente, Evo Morales Aima, recentemente reelixido nunhas eleccións democráticas, pola oposición política que representa aos sectores oligárquicos do país. Un golpe co claro apoio do goberno dos EEUU e recorréndose a todo tipo de estratexias desestabilizadoras, incluído o exercicio da violencia extrema, para rachar coa orde constitucional e atentar contra a seguridade dos/as principais líderes políticos, sindicais, indíxenas e campesiños, as autoridades e o funcionariado.
Persecucións, ataques persoais e a domicilios, secuestros e intimidacións estanse a converter na práctica habitual por parte dos grupos violentos, auspiciados pola oposición da dereita. Creando un clima de terror entre a poboación que levou a Evo Morales e García Linera a presentar a súa renuncia e a emprazar a celebración de novas eleccións, para recuperar a paz social no país.
A este respecto, a CIG manifesta a súa gran preocupación pola integridade física do propio Evo Morales, de García Linera e da militancia de MAS, así como pola deriva que están a tomar os últimos acontecementos, non só no que ten a ver coa seguridade cidadá e a orde democrática no país, senón porque estaríamos diante dun caso máis a sumar en Latinoamérica de golpe de estado contra os gobernos electos democraticamente e que contan cun amplo apoio popular, só polo "atrevemento" de plantarlle cara ao imperialismo e as súas políticas neoliberais, e apostar por outras pensadas para favorecer as clases populares máis necesitadas. Este golpe pon en risco todos os logros sociais, económicos e políticos acadados durante estes últimos anos en Bolivia (as cifras ao respecto son incuestionábeis).
Desde a CIG queremos trasladar todo o noso apoio e solidariedade a Evo Morales e ao seu goberno, ao movemento social, político e campesiño que está a padecer as consecuencias do golpe, e facemos un chamamento á nosa base social para sumarse, e ás institucións, tanto en Galiza como no Estado español, para que condenen enerxicamente o golpe, a violencia desatada más rúas, e a desautorización dos/as líderes políticos/as que os están a provocar. E sumámonos tamén á petición que outras organizacións sindicais de América Latina están a facer para que se aplique a Carta Interamericana da OEA e a intervención urxente dese organismo para garantir a paz, o diálogo e a democracia no Estado Plurinacional de Bolivia.
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2019
Relacións Internacionais da CIG