A CIG condena o atentado terrorista contra a embaixada de Cuba en Washington
A CIG quere trasladar a súa solidariedade e apoio ao pobo cubano e ao seu Goberno diante do grave atentado que tivo lugar o pasado domingo contra a embaixada cubana en Washington. O ataque aconteceu tan só unhas horas despois do retorno do presidente Díaz Canel a La Habana tras asistir á Asemblea Xeral da ONU en New York.
Cómpre lembrar que hai tres anos, a sede diplomática da República de Cuba nos EEUU xa fora obxecto doutro ataque, cando un home disparou varias veces cun fusil de asalto contra o edificio.
Ante estes feitos intolerábeis, a CIG súmase ás reclamacións internacionais que piden a Whasington unha investigación do ocorrido, pois en atención ao dereito internacional o país anfitrión ten a obriga de prestar protección axeitada ás representacións diplomáticas.
Neste senso, non podemos perder de vista que estes actos violentos están alentados pola sensación de impunidade e protección que perciben os grupos anticubanos por parte do Goberno dos EEUU, unha actitude permisiva sobre a que o propio Goberno de Cuba ten alertado ás autoridades estadounidenses en reiteradas ocasións.
Este odio está alimentado pola política que EEUU practica cara á illa, con inxerencias continuadas á súa soberanía e chegando mesmo a catalogar a Cuba como “estado patrocinador do terrorismo”. Unha declaración feita pola mesma potencia que mantén dende hai 62 anos un bloqueo criminal e inhumano que obstaculiza o desenvolvemento do país caribeño e o benestar da súa poboación.
Esta situación inxusta e ilegal sostense con total impunidade a pesar das reiteradas condenas a nivel internacional. Por iso, a CIG volve exixir o levantamento inmediato do bloqueo económico, comercial e financeiro e da declaración de colaboradores co terrorismo por parte de EEUU; así como reiteramos o noso apoio e solidariedade co pobo cubano.