A CIG condena o apoio do Santander a un hipotético golpe contra Lula da Silva
A semana pasada, a prensa brasileira publicou a nova de que un analista do Banco Santander compartiu un informe de análise política que defende un golpe para evitar a candidatura do ex presidente Luiz Inácio Lula da Silva (PT) en 2022. O informe foi publicado coa autorización do Santander e enviado a clientes e operadores financeiros do banco.
No informe, titulado “Sobre varios tipos de golpe”, o comunicado di que “se o sistema político e xudicial, se o establishment político brasileiro considera cómico o goberno de Bolsonaro, o retorno de Lula e os seus aliados representa unha ameaza moito máis seria”. O economista do Santander vai máis aló e afirma que “en definitiva, ninguén vai apoiar un golpe a favor de Bolsonaro, pero si se pode especular cun golpe para evitar o regreso de Lula. Ata o outro día, por exemplo, non era elixible. Podería volver a selo”.
Non é a primeira vez que o Santander se involucra nos asuntos internos do Brasil e apoia medidas autoritarias. En 2014, o Santander enviou aos seus clientes de renda alta unha análise que suxería que un escenario de reelección da presidenta Dilma Rouseff “deterioría o desempeño da economía brasileira”.
Ademais, como teñen denunciado desde a Confederación Nacional de Traballadores Financeiros da CUT (Contraf-CUT), o Santander tamén defende modelos abusivos, antidemocráticos y economicamente devastadores, e vén sendo reincidente en prácticas antisindicais.
Estes feitos son dunha extrema gravidade. As inxerencias das entidades financieiras e grandes empresas nas decisións políticas, no que atinxe ao Estado Español, veñen sendo reiteradas e coñecidas: múltiples casos de corrupción, estafas a clientes, as relacións con Villarejo, as novas sobre a financiación da ultradereita de VOX , etc. E a impunidade con que veñen actuando só é entendíbel nun réxime monárquico, herdeiro do franquismo, no que os poderes fácticos seguen campando ás súas anchas, enquistados nos núcleos do poder político, xudicial e mediático, que non só eluden o control da legalidade, senón que teñen a bondade de rescatalos cando é necesario cos cartos públicos (que aínda non foron devoltos, por certo). Cartos públicos que serviron, entre outras cousas, para levar a cabo unha profunda reconversión no sector que mandou aoparo a miles de traballadores e traballadoras.
Non sorprende, pois, que o Banco Santander, trasladara tamén estas artimañas a outros países como o Brasil que, con esa mentalidade tan “española”, considerarán aínda “colonias”, e trate de interferir nos procesos políticos que se teñan que desenvolver nun país soberano e que estarán baixo a decisións das súas xentes.
A CIG solidarízase co pobo brasileiro, en xeral, e con todo o movemento sindical do Brasil, para pedir responsabilidades por actuacións tan graves e que considera ilegais, contra a democracia e a soberanía do Brasil.