A CIG mobilízase contra a ampliación das competencias das mutuas e por unha sanidade pública forte

Nacional - 04 Dec 2024

Delegadas e delegados da CIG concentráronse este mércores diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza nas sete cidades en rexeitamento á ampliación das competencias das mutuas e que estas poidan xestionar as baixas por doenzas músculo-esqueléticas. A central reitera a súa firme oposición a dar máis poder a estas entidades privadas, fonte de abuso a prol dos intereses da patronal, e reclámalle a Xunta que non ceda competencias que son propias da sanidade pública.

"O que se pretende é seguir descapitalizando a sanidade pública e ampliar o ámbito de actuación das mutuas cando hoxe xa son un instrumento que ataca a saúde das persoas traballadoras, tanto no relativo á prevención de riscos laborais como, de xeito especial, na atención ás enfermidades profesionais ou aos accidentes de traballo", criticou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao inicio da concentración realizada na Coruña.

Lembra que a posibilidade de que sexan as mutuas as que xestionen os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas aparece recollido no acordo de pensións asinado no diálogo social o pasado 19 de setembro polo Goberno español, os sindicatos CCOO e UGT, e a patronal estatal.

Ao tempo, sinala que este era un dos puntos recollidos no V Acordo de negociación colectiva pactado entre a CEOE e as centrais españolas en 2023, no que xa se recomendaba promover acordos coas administracións para reducir a duración das baixas, culpabilizando así as persoas traballadores por estaren enfermas, "cando é o sistema laboral e de xestión das mutuas o que falla porque moitas das baixas por continxencias comúns deberían ser continxencias profesionais, ao seren derivadas do propio traballo".

O secretario xeral da CIG pon o acento en que as enfermidades músculo-esqueléticas están presentes en todo o mundo laboral, con especial incidencia no sector industrial e naquelas actividades máis feminizados e relacionadas co sector servizos.

Convenios de colaboración

Para efectivizar este traspaso de actuacións propias do SERGAS, a Consellaría de Sanidade debe subscribir convenios de colaboración coas mutuas, a dirección xeral de Ordenación da Seguridade Social e o INSS. "Nas diferentes reunións que mantivemos coa Xunta de Galiza -con plenas competencias en materia sanitaria- para tratar este problema, reclamámoslle que se negara a asinar estes convenios, porque está en risco a atención ás persoas traballadoras".

Porque baixo a escusa de que as mutuas poden alixeirar as listas de agarda, "o que se combinan son dous elementos perniciosos que queremos denunciar e enfrontar: dunha banda, afóndase na privatización da sanidade pública á que non se dota dos recursos suficientes, e doutra, quérese que sexan as mutuas as que baixo criterios puramente economicistas traten as persoas traballadoras".

Por iso, apunta Carril, a CIG fai hoxe estas mobilizacións para demandarlle ao Goberno galego que "dea ese paso adiante e se negue a outorgarlle máis poder ás mutuas". E con este obxectivo, a centran nacionalista tamén iniciou unha rolda de contactos cos grupos parlamentares para que promoveran iniciativas a este respecto, "mais até agora só nos deu resposta o BNG".

 O grande mentira do absentismo laboral

Sobre os plans da Xunta, Paulo Carril criticou que aínda que a administración se limita a dicir que está estudando o convenio que lle remitiu o Goberno español, o certo é que no mes de agosto xa aplicou unha modificación normativa co obxectivo de intensificar as citacións na Inspección Médica para revisar moitos expedientes de baixas laborais, "sobre a base dunha grande mentira: que o absentismo é un mal que hai na clase traballadora que impide o emprego".

Finalmente, o secretario xeral denunciou que no recente acordo de pensións se dificulta o acceso á xubilación parcial e non se recoñecen coeficientes redutores para a xubilación anticipada aos colectivos laborais que padecen condicións de especial penosidade, perigosidade ou toxicidade; "pero preténdese pór as persoas a traballar cando non están en condicións de saúde e por enriba facendo negocio para as entidades que van xestionar esas doenzas, que son as mutuas".