A CIG concéntrase no Concello de Arteixo contra a persecución sindical ao persoal da recollida do lixo
A CIG-Administración concentrouse este martes diante da Casa do Concello de Arteixo para denunciar os graves incumprimentos en materia de saúde laboral no servizo de recollida do lixo e reclamar o cese inmediato da persecución sindical que están a padecer algúns traballadores por denunciar eses incumprimentos.
O Concello, apuntan, non cumpre co que estabelece o convenio colectivo do persoal laboral a respecto do descanso semanal e na organización dos cuadrantes non se respecta a rotación equitativa. "As quendas non se reparten entre todo o persoal por igual, hai persoal do gusto do concelleiro ao que sempre lle tocan as mellores quendas, mentres que ao delegado da CIG e outros compañeiros que non caen tan ben sempre lles tocan os peores horarios de traballo", censuran.
Ademais, alertan que o persoal do servizo está a traballar cun camión que non cumpre a normativa (e así se recolle nun informe da Policía Local), pondo en risco tanto a seguridade dos traballadores como a seguridade viaria.
Xunto a isto, a CIG-Administración indica que o Goberno local pretende imporlle as vacacións ao persoal deste servizo e que hai problemas coa desinfección dos uniformes e outros incumprimentos relativos aos riscos biolóxicos. Non obstante, o máis grave "é o trato despectivo, as ameazas e as coaccións constantes por parte do concelleiro responsábel desta área, para evitar que este colectivo laboral reclame os seus dereitos".
Neste contexto, "xa se produciron amoestacións e incluso se chegou a abrir un expediente ao representante sindical da CIG, que o propio Concello deixou caducar porque non había materia levalo adiante".
Estes feitos foron debidamente denunciados pola CIG ante o alcalde, Carlos Calvelo, o pasado mes de setembro, "sen que até o día de hoxe a máxima autoridade do Concello de Arteixo teña levado ao cabo as medidas legalmente establecidas pola denuncia trasladada". A este respecto, a representación da CIG critica que nesta administración local aínda non foi negociado o protocolo de acoso "para poder previr e actuar ante este tipo de represalias".
Na concentración deste martes apelouse directamente a Calvelo para que interveña neste conflito, garanta o cumprimento da legalidade, que se respecten os dereitos laborais e sindicais do persoal e poña fin a esta persecución contra uns traballadores municipais "que non están máis que reclamando os seus dereitos".