A CIG concéntrase en Santiago contra a política de peche de oficinas e destrución de emprego do BBVA
A sección sindical da CIG no BBVA fixo dúas concentracións en Santiago de Compostela na mañá deste martes en contra a política de peche de oficinas, a amortización de postos de traballo, a sobrecarga laboral, as dificultades para conciliar e o deterioro na atención que se presta á clientela.
A primeira protesta realizouse diante da oficina da rúa Santiago do Esteiro, xa que é unha das que o BBVA vai clausurar, e a seguir trasladouse até a oficina da rúa da Senra. Ademais, para o martes 18, a CIG continuará o calendario de mobilizacións en Ourense, onde a entidade bancaria tamén anunciou feches de sucursais. Ese día as protestas serán de 11:00h a 11:30h, diante da oficina da Rúa Xoán XXIII, e de 11:35h a 12:00h, diante da oficina da Rúa do Paseo, 18.
Dixitalización forzosa para xustificar recortes de persoal
A sección sindical da CIG denuncia que o modelo de negocio que está implantando o BBVA, a marchas forzadas, apoiándose na dixitalización forzosa da clientela e nunha atención remota (centros CSE), vai en contra do que publicamente defende a entidade en relación co servizo e atención aos colectivos vulnerábeis.
Critican que despois da falida OPA hostil contra o Banco Sabadell, a dirección do BBVA “decide agora fechar oficinas para reducir custos e seguir aumentando aínda máis os escandalosos beneficios co fin de tentar xustificar as súas obscenas e inmerecidas retribucións”. Estes peches levan parella unha redución de persoal na rede coa consecuencia de que hai menos persoal para o mesmo número de clientes, que segue demandando atención presencial.
As oficinas que quedan asumen o negocio das oficinas que pechan pero co mesmo persoal que xa tiñan. “O proceso de reestruturación do modelo de negocio do BBVA, alerta a sección sindical da CIG, aumenta brutalmente a carga de traballo das persoas que quedan nas oficinas, incrementando de xeito exponencial os riscos psicosociais”.
Subliñan que o banco pecha oficinas en barrios de cidades como Compostela e Ourense, deixando sen servizo a amplos núcleos de poboación “que se ven obrigados a desprazarse a outras zonas da cidade ou realizar os trámites online, o que, no caso dos colectivos vulnerábeis, dificulta o acceso ao banco e contribúe á exclusión financeira”.
A CIG dirixirase ao Defensor do Pobo
Ante este escenario, a CIG dirixirase ao Defensor do Pobo expoñendo as nefastas consecuencias que para o persoal e a clientela ten a implantación deste modelo de negocio, e requirindo a intervención do Ministerio de Economía e do Banco de España, “para que fagan cumprir ao BBVA a legalidade e os seus compromisos sociais”.