A CIG concéntrase en apoio ao compañeiro Kike Rocha e na defensa da liberdade sindical
A CIG desenvolveu unha concentración esta mañá ás portas do xulgados de Lugo en solidariedade co compañeiro Kike Rocha, que hoxe ten xuízo pola represión que está a sufrir dende hai tres meses por realizar o seu labor sindical. Rocha é delegado da CIG en Cotelsa, contrata de Alcoa San Cibrao, e voceiro da plataforma coordinadora de auxiliares, e estivo participando nas negociación do ERE na súa calidade de asesor da central nacionalista e como representante do colectivo de persoal das auxiliares.
Ao remate das negociacións do expediente, e despois de sete anos desenvolvendo as mesmas funcións, Cotelsa cambiou a Rocha de posto de traballo, poñéndoo a realizar funcións para que as non ten a formación adecuada, cando este tipo de mudanzas non son para nada habituais.
Por iso, para Kike este cambio non é para nada casual, senón que o obxectivo da medida vai dirixido a desmoralizar e a desmotivar os traballadores e traballadoras das auxiliares "da maneira máis fácil, atacando ao voceiro do colectivo e buscando cortar a cabeza visíbel, para amedrentar así o resto de compañeiros/as e que non se levanten".
Un castigo exemplarizante
A CIG entende que este ataque á liberdade sindical parte da propia Alcoa, aínda que Cotelsa executa o mandado sen polo en cuestión, é constitúe un castigo á representación dos/as traballadores/as das auxiliares que non se pode consentir. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que a propia multinacional se negou en todo momento a darlle interlocución ás auxiliares, sen importarlle ás consecuencias laborais que as súas decisións ten neste colectivo.
Neste senso, Carril valorou que estamos ante un novo capítulo "das atrocidades e dunha formulación empresarial desalmada" por parte de Alcoa que, "ademais de pretender levarnos a miseria pechando a fábrica de San Cibrao sen dar alternativa, quere bater na parte máis débil deste conflito, que son os traballadores/as das auxiliares". Advirte que con esta persecución, a empresa busca coartar a protesta e a resposta aos seus plans de peche, exemplificándoo cun castigo como que se lle está a inflixir ao compañeiro Kike.
"Pero ao contrario, aseverou Carril, este tipo de actuacións patronais dannos máis forza e confirman a razón que temos neste conflito". Por iso, con esta acción xudicial e coa mobilización deste luns, a central nacionalista quere deixar claro "que non lle imos permitir a Alcoa que, ademais de querer roubarnos o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra, tamén nos queira roubar o dereito a exercer a nosa liberdade de expresión e a nosa liberdade sindical".