
A CIG concéntrase diante do Colexio Maior Xelmírez para denunciar o acoso laboral contra unha traballadora

Representantes da CIG-Compostela e traballadoras do Colexio Maior Xelmírez, de Santiago de Compostela, concentráronse na tarde deste martes para denunciar o grave caso de acoso laboral que vén padecendo unha traballadora. A CIG apoia á afectada, que leva desde 2009 enfrontándose ao comportamento conflitivo da encargada, María Sánchez. Situación que se agravou en 2021 coa chegada da nova directora, Sonia Calvete, e coa complicidade da empresa Seresca Catering, que non tomou medidas efectivas.

A traballadora relata que o acoso, por parte de María Sánchez, comezou nos seus primeiros anos no centro e intensificouse significativamente desde 2021, cando Sonia Calvete asumiu a dirección. A pesar de estar informada da situación, a directora non só non interveu para detelo, senón que “permitiu e contribuíu” a que continuase, segundo denuncia.
A empresa Seresca Catering, responsable da contratación, tampouco actuou de forma adecuada. En 2023, a traballadora presentou un escrito formal á empresa detallando o acoso, o que derivou na apertura dun protocolo que non resolveu a situación. “A día de hoxe, o acoso persiste case diariamente, creando un entorno laboral insostible que afecta gravemente á miña saúde emocional”, afirmou a afectada.
A CIG denuncia que este caso exemplifica a “falta de compromiso” de moitas empresas e institucións coa prevención e resolución do acoso laboral, un problema que vulnera os dereitos fundamentais das traballadoras. “É inadmisible que unha traballadora leve anos sufrindo acoso sen que se tomen medidas. A dirección do centro e Seresca Catering son cómplices por omisión e acción”, denuncia Lucía Freire, da CIG-Servizos.
Freire critica ademais que o protocolo de acoso activado en 2023 fose unha “farsa” que non ofreceu solucións nin protección á vítima, permitindo que María Sánchez continuase co seu comportamento.
A concentración convocada pola CIG busca visibilizar esta situación e esixir responsabilidades á dirección do Colexio Maior Xelmírez, á empresa Seresca Catering e ás autoridades laborais. A central demanda a inmediata aplicación de medidas efectivas para deter o acoso, incluíndo a separación da agresora, a apertura dunha investigación independente e a adopción de protocolos de prevención que garantan un entorno laboral seguro.