A CIG concéntrase ante a EGAP para pedir a dimisión da actual directora

Exixe una EGAP transparente e en galego fronte a deriva “antigalega, autoritaria, antidemocrática, elitista e partidista” da institución
Nacional - 15 Mai 2025

A CIG vén de manifestarse esta quinta-feira contra a situación crítica da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), despois de anos dunha xestión opaca, desgaleguizadora e que ignora as necesidades de actualización permanente de todo o persoal pertencente á Administración Xeral da Xunta de Galiza e entes instrumentais.

A CIG convocou a mobilización co lema, «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO», e fíxoo ás portas da conmemoración do Día das Letras Galegas de 2025, pola situación de secuestro da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e da deriva antigalega, autoritaria, antidemocrática, elitista e partidista, á que está sometida a institución da man da súa directora, Sonia Rodríguez Campos.

Segundo explicou Berta Castaño, da CIG-Administración Autonómica, esta directora, desde que entrou, “está a corromper a EGAP cunha xestión opaca e clientelar na selección do persoal formador”. Unha EGAP onde a demanda de formación das empregadas e empregados públicos é “directamente ignorada, con ofertas raquíticas e que non se axustan ás necesidades reais dos empregos na Administración”.

Castaño lembrou que a CIG leva tempo propoñendo solucións e loitando non só contra os incumprimentos dos fins da EGAP, senón mesmo contra os da propia normativa do seu funcionamento, “como non facer as memorias anuais ou non reunir o Consello Reitor nos prazos establecidos”.

Con todo, considerou que o máis importante é que “a directora rebélase contra o galego, negándose a cumprir os fins da EGAP de fomento, difusión, normalización e capacitación na nosa lingua. Somos testemuñas dunha clara viraxe cara ao castelán en todas as actuacións, tanto na formación como nos actos públicos e manifestacións institucionais”.

Neste sentido denunciou a “ignominia” da lingua na raquítica oferta da formación en linguaxe administrativa, onde “é unha lotería acceder a estes cursos para a capacitación lingüística e fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galegas. E tíñano doado: podían manter os contratos do persoal lingüista todo o ano e deixar de abocalo a unha precaridade insultante para unhas  empregadas e empregados públicos na Galiza”.

Oferta formativa

Exemplos claros do desfasamento da oferta formativa da EGAP son, segundo Castaño, os cursos de linguaxe administrativa galega, onde houbo 5.000 solicitudes para 900 prazas; ou tamén no caso dos cursos de igualdade e violencia de xénero, onde houbo 5.601 solicitudes para 850 prazas ou mesmo os cursos de COMDIX-Certificación galega de competencias dixitais, con 11.911 solicitudes para 1.889 prazas.

“Queren que a EGAP se manteña na oferta formativa tradicional, desatendendo as propostas que se saian das típicas tarefas de oficina. Así, a directora non quere nin oír falar de formación para outras persoas empregadas públicas, como as cociñeiras, o persoal de limpeza, coidadores e coidadoras, gardacostas ou o persoal que traballa nos parques naturais”, afirma.

A CIG-Administración Autonómica segura ademáis que os plans anuais de formación non satisfán a demanda real do persoal nin no referido ao número de prazas, nin canto ás áreas de especialidade atendidas. “Estes plans obvian as enquisas directas ao persoal que si se fan noutras escolas de administración pública; e incluso tiran ao lixo as que se lle fan ao persoal nos propios cursos; amais de ignorar as propostas feitas polo persoal a través da representación sindical”.

A calidade da formación é cada vez peor, e non se controlan nin os materiais nin a calidade lingüística. E cada vez hai máis empresas que dan formación sen control nin nos requisitos, nin no persoal  formador, e nin sabemos o diñeiro público que gastan nesas contratacións.

A opacidade chega tamén ao persoal formador e “a dedocracia impera na EGAP”, asegura Berta Castaño. “Non se dan contas de nada, nin de quen, nin de canto, nin de como. Os procedementos e criterios de inscrición e selección do persoal formador e a súa aplicación non son públicos, nin se dá conta no Consello Reitor”.

Castaño explica que recentemente chegáronlles denuncias de que unhas poucas persoas acumulan moitas horas impartindo formación, e incluso de que o fan “dentro do seu horario laboral na Administración”.

Biblioteca en precario

Afirma que levan tempo denunciando, tamén, a situación precaria da biblioteca da EGAP, atendida por empresas privadas, en claro declive na súa actividade e que moito persoal non sabe nin da súa existencia. Unha denuncia que reiteraron no último Consello Reitor en decembro e que deu en que o mes pasado a biblioteca pechara as súas portas sen solución de continuidade.

Para a CIG-Autonómica o punto de inflexión desta situación crítica da EGAP foi a supresión de todos os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas de 2024, que se viñeran celebrando ininterrompidamente dende había 38 anos. Unha supresión sobre a cal a dirección da Escola “non daba nin a máis mínima explicación, evidenciando alto e claro que a xestión levada a cabo non está á altura dos fins e obxectivos polos que a EGAP existe”.

A pesar das reiteradas propostas e demandas de información ao longo destes anos para acadar unha mellora substancial da xestión da EGAP a todos os niveis, non se albiscou por parte da dirección da institución un cambio de rumbo encamiñado a cumprir cos fins reais que ten marcados pola lei, a garantir unha oferta suficiente de formación para todo o persoal por igual —sen discriminacións— e a xestionar de xeito transparente, eficiente e eficaz, escoitando ao persoal empregado público.

Por iso a CIG exíxelle á Consellaría de Facenda e Administración Pública un xiro de rumbo e un cambio urxente na dirección para que se garanta unha EGAP transparente, receptiva, coherente e respectuosa cos fins para os que foi creada.