A CIG concéntranse no Gadis de Vimianzo contra os abusos laborais e na defensa dos dereitos do persoal
A sección sindical da CIG en Gadis desenvolveu unha concentración este venres diante do supermercado que a empresa ten en Vimianzo en rexeitamento aos abusos que están a sufrir as traballadores e traballadoras, reclamar un entorno laboral saudábel e que se respecten os seus dereitos.
A decisión de convocar esta mobilización chega tras a falta de solucións por parte da empresa para atallar o acoso, os incumprimentos de dereitos, as vexacións e o maltrato psicolóxico que exerce a encargada desta tenda contra o persoal.
Esta situación, explican dende a sección sindical da CIG, vense arrastrando dende hai tempo e afecta directamente á saúde das traballadoras e traballadores, a tal grao que neste momento de 26 persoas que integran o cadro de persoal, 10 atópanse de baixa médica.
Entre outras cuestións, as traballadoras denuncian cambios de quenda dun día para outro sen o preaviso mínimo que marca o convenio, imposición da vacacións ao arbitrio da encargada, dificultades no uso das licenzas, un trato indigno baseado en berros, insultos, intimidacións e todo tipo de atropelos aos dereitos laborais impropios nunha empresa que se promociona como exemplo de galeguidade e saber facer.
A representación da CIG dirixiuse hai uns meses ao xefe de zona de Gadis para reclamarlle unha actuación contundente para frear estes abusos e promover un clima laboral respectuoso, pero malia a visita que realizou ao centro de traballo de Vimianzo, as malas prácticas da encargada persisten. "A obriga legal de Gadis é protexer a saúde de todo o seu persoal, sen distinción", aseveran.
Ante a falta de solucións por parte da empresa, as traballadoras e traballadores acordaron dar un paso adiante e denunciar publicamente unha situación “que non pode continuar por máis tempo”.