A CIG concéntranse na refinería de Repsol na Coruña para esixir unha transición galega xusta no sector
A CIG concentrouse este venres diante da refinería de Repsol da Coruña para esixir unha enerxética galega xusta no sector dos carburantes e biocarburantes e que garanta, no marco do proceso de descarbonización da economía, a posta en marcha de alternativas de reindustrialización e creación de postos de traballo nos territorios afectados.
A protesta desenvolveuse coincidindo co cambio de quenda de traballo e terá continuidade o vindeiro xoves, 2 de decembro, cunha concentración, ás 14:45h, na planta de Vertex Bioenergy de Curtis, mentres que o xoves, 9 de decembro, as reivindicacións trasladaranse á planta de Masol Iberia Biodiésel de Ferrol, ás 10:00h.
Con estas mobilizacións, explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a central nacionalista quere demandar das empresas investimentos e medidas para afrontar o proceso de descarbonización da economía e ao tempo reclamar dos gobernos plans de actuación "para que realmente haxa unha transición e non unha demolición".
Con tal obxectivo, a CIG remitiu o pasado mes de xullo un escrito ao MITECO cunha serie de propostas "do que aínda non recibimos ningunha resposta". A xuízo do secretario xeral este feito evidencia, máis unha vez, a inexistencia de políticas industriais e dunha formulación estratéxica para afrontar o proceso de transición enerxética e as consecuencias que ten sobre o tecido produtivo.
"Estase deixando todo este proceso en mans dos consellos de administración das empresas, mentres os gobernos só se dedican a crear os marcos reguladores e a dispor o financiamento para facerlle o lavado verde, sen que isto leve consigo unha garantía dos postos de traballo nin de alternativas industriais", denunciou.
A refinería da Coruña, fóra o plan estratéxico de Repsol
Neste senso, cualificou de "despropósito" o encontro deste venres no que participaron o presidente de Repsol, Antonio Brufau, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao que acusou de ser incapaz de tirar ningún compromiso para incluír o complexo industrial da Coruña no plan estratéxico da petroleira, "e dar así tranquilidade a ameaza que hai sobre a continuidade do emprego". Unhas ameazas pola falta de investimentos para adaptar a refinería ás novas esixencias da Lei de Cambio Climático que, lembrou, xa se manifestaron no ERTE que Repsol aplicou nas instalacións hai uns meses.
Fronte a isto, Paulo Carril instou a comezar xa cos cambios e non agardar a que as empresas consumen este proceso con desenlaces fatais para o emprego e máis desertización industrial. "Queremos unha transición galega xusta e medidas para non repetir o que pasa nas Pontes ou en Meirama", aseverou Carril, quen tamén advertiu que "este proceso ímolo ter que pelexar nos centros de traballo e nas rúas".